UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIARÁ A BAIXADA INXUSTIFICADA DO PREZO DO LEITE POR PARTE DAS INDUSTRIAS

Levará ante a AICA española e a galega e ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia os incumprimentos xeralizados, así como a posible existencia dun novo cártel

Unións Agrarias levará ante a AICA e a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia a baixada xeral do prezo do leite que as industrias lácteas tentan impoñer aos gandeiros na renovación de contratos prevista para o vindeiro 1 de abril. Unha redución das tarifas sen xustificación de mercado que podería forzar á venda a perdas a gran parte das explotacións galegas. E que se ve agravada ademais polo incumprimento da obriga legal que as industrias teñen de comunicar as súas ofertas aos produtores cunha antelación mínima de dous meses.

Non existe motivo algún que xustifique a baixada de prezo do 10% que as industrias lácteas pretenden impoñer ás ganderías galegas. Nen de mercado, nun país deficitario no que a produción de leite se refire; nen moito menos económicas.

O ano pasado o prezo da luz incrementouse un 50,65% e o gasóleo subiu un 42,45%. Idéntica tendencia á que seguen os pensos para alimentación do gando, que dende 2019 se encareceron nun 67,30%.

Mentres os custos de produción das granxas continúan con esa tendencia á alza, as industrias lácteas pretenden impoñer unha baixada xeralizada nas cotizacións do leite que tampouco se entende nun momento no que o prezo de venda ao público deste produto se atopa en máximos históricos. E cando, pese ao aumento do prezo medio que as granxas percibiron no último ano, a marxe de beneficio do sector produtor se ten reducido considerablemente debido a esa tremenda alza dos custos.

Para Unións Agrarias o feito de que as ofertas para a renovación de contratos que están a chegar ás ganderías se movan todas na mesma marxe de prezos demostra que, como xa fixeron no pasado, de novo as industrias están a actuar de xeito ilícito para forzar unha baixada xeralizada nas cotizacións lácteas. Uns feitos que apuntan á posible existencia dun novo cártel e que a organización agrogandeira denunciará ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia.

Do mesmo xeito, Unións Agrarias porá en coñecemento da AICA española, e tamén da galega, o incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria que as industrias están a perpetrar contra máis de 1.500 explotacións galegas; as de dimensións máis pequenas, que están a cobrar o litro de leite case sete céntimos por debaixo da media. Ademais, a organización agrogandeira solicita a intermediación da Consellería do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura ante o incumprimento que supón que as ofertas para a renovación dos contratos estean a ser remitidas ás granxas con menos dos dous meses de antelación aos que obriga a lei.

Segundo estipula a lei, as ofertas para a renovación dos contratos de aprovisionamento que debe producirse en abril deberan ter sido remitidas aos gandeiros no mes de febreiro. Porén, de xeito xeralizado as industrias teñen obviado esa obriga; deixando ás explotacións sen marxe de reacción nen capacidade de negociación colectiva.. Uns feitos intolerables que deberan supór a aplicación dunha sanción á totalidade da industria; e ante os que Unións Agrarias pide a prórroga dos contratos en vigor ata o cumprimento dos dous meses que marca a lexislación.

Para Unións Agrarias resulta totalmente incomprensible que as industrias forcen ás granxas de menores dimensións a aceptar tarifas cuantiosamente inferiores ás que ofrecen ás máis grandes cando están a percibir delas leite de idénticas condicións e calidade. Uns feitos que, ao igual que no que respecta ao incumprimento temporal na comunicación das renovacións de contratos, se producen sen que nin a Xunta de Galicia nin o Ministerio de Agricultura teñan feito nada ao respecto.

Para a organización agrogandeira resulta especialmente grave a actitude do goberno galego que, pese a ser coñecedor deste panorama, leva semanas gabándose da alza das cotizacións do leite e obviando tanto a realidade das explotacións de menores dimensións (a maioría) como a perda de rendibilidade que sofre o sector debido á escalada dos custos de produción.

Nesa liña, o secretario xeral de Unións Agrarias criticou ademais a visita do presidente Rueda a Inleit hai uns días; unha firma recentemente sancionada pola AICA por modificar de xeito unilateral o prezo do leite recollido nos contratos en vigor.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias