UUAA RECLAMA MAIOR CONTUNDENCIA CONTRA O NOVO CARTEL DO LEITE

Na reunión mantida hoxe en Medio Rural tamén se pediu que se simplifique a tramitación da PAC

Santiago, 27 de marzo de 2023.- A Organización Unións Agrarias trasladoulle hoxe ao conselleiro do Medio Rural a necesidade de actuar con celeridade e contundencia contra o novo cártel do leite que está tomando forma da man de moitas das empresas de recollida e transformación láctea de Galicia.

Tal como manifestou o secretario de UUAA no encontro mantido esta mañá, “todas propostas de renovación de contratos que están a chegar ás ganderías sospeitosamente móvense na mesma marxe de prezos. O que demostra que, como xa fixeron no pasado, de novo as industrias están a actuar de xeito ilícito para forzar unha baixada xeneralizada nas cotizacións lácteas”.

Neste encontro, Roberto García espuxo a súa preocupación ante unha realidade que comeza a parecerse á fraude do Cartel do Leite que, denunciada por Unións Agrarias, desembocou na sanción da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia contra a totalidade das empresas transformadoras de leite por concertar prezos para forzar unha baixada das tarifas no campo. Unha causa que agora se atopa pendente do veredicto da Audiencia Nacional; e en relación á que a organización defende xa a 5.000 gandeiros aos que poderían sumarse máis nos vindeiros meses; pois o procedemento aínda pode verse reforzado con novas denuncias en base aos novos indicios que van aparecendo.

Neste escenario tramposo Unións Agrarias fai un chamamento ás administracións para que fagan o seu traballo e actúen nalgo tan sinxelo como é cumprir a Lei da Cadea Alimentaria. Unha norma que no seu articulado expón con claridade que a transparencia e a proporcionalidade son os elementos básicos para ensamblar unha cadea de valor xusta, desde o produtor ata o consumidor.

A organización agrogandeira lembra ademais que os prezos de venda entre os actores da produción deben nacer froito dunha negociación, neste momento completamente inexistente salvo algunha honrosa excepción. Neste sentido, Unións Agrarias insiste na necesidade de que se manteñan vixentes os contratos de aprovisonamento mais alá do 1 de abril, xa que como é publico moitas das industrias seguen sen sentar cos gandeiros para fixar cotizacións, tal e como marca a norma. 

Simplificación da PAC

Unións Agrarias tamén trasladou a necesidade de lograr una simplificación da burocracia que está retrasando e complicando a tramitación das axudas da PAC para que estas cheguen en tempo e forma ás explotacións. Algo especialmente importante nun momento no que as súas economías están especialmente en tensión polas subas brutais de prezos de todos os insumos.

A pesar de que o prazo comezou hai máis de vinte días, as aplicacións que o Ministerio de Agricultura e as comunidades autónomas habilitan para solicitar as diferentes axudas que conforman a PAC seguen sendo moi complexas, seguen sen estar pulidas e o seu funcionamento é moi confuso e notoriamente mellorable, mesmo nalgúns casos o proceso está detido polo mal funcionamento da aplicación SGA.

A PAC que neste 2023 entra por fin en vigor, con dous anos de atraso, para máis de 650.000 perceptores en España, trae importantes cambios e novidades que afectan os agricultores e gandeiros de todos os sectores. Unha das obrigas que impón a nova PAC é a de que cada agricultor encha un caderno dixital de explotación, que a pesar de ter sido flexibilizado en parte para os pequenos agricultores debe de estenderse a todas as explotacións.

Segundo a normativa actual, esta obrigatoriedade entrará en vigor o 1 de setembro deste ano para os agricultores que dispoñan de máis de 30 hectáreas de cultivo ou de pastos ou máis de 10 hectáreas de cultivos permanentes. No caso dos que dispoñan de menos hectáreas farao máis tarde: o 1 de xullo de 2024.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias