UUAA DEMANDA O APOIO DECIDIDO DA CONSELLERÍA PARA A VITICULTURA TRADICIONAL

Alerta dos prexuízos que o cambio de modelo aprobado para os Plans de Reestruturación pode traer para os pequenos e medianos produtores

Santiago, 28 de marzo de 2023.- Unións Agrarias alerta dos graves prexuízos que o cambio de modelo aprobado pola Xunta para as Axudas á Reestruturación e Reconversión da Viña poden implicar para a viticultura tradicional galega. A organización agrogandeira condena unhas modificacións que abren as portas a un modelo produtivo de grandes adegas e non aportan garantías aos pequenos e medianos produtores, maioritarios en Galicia.

Unións Agrarias critica o cambio de rumbo que a Consellería do Medio Rural ven de tomar coa publicación da nova convocatoria das axudas para reestruturación e reconversión de viñedo. Unhas axudas que este ano a Xunta abre a produtores de maiores dimensións, o que podería supor unha diminución das achegas para os produtores máis pequenos: os que máis apoio precisan.

A ampliación de 10 a 20 hectáreas da superficie máxima elexible por solicitante supón unha importante modificación, pois implica unha aposta da Xunta por unha viticultura de grandes adegas que pouco ten que ver coa realidade do sector en Galicia. Unións Agrarias non entende un cambio de enfoque que, para máis inri, non leva aparellado ningún tipo de contraprestación nen esixencia. Así, a organización critica que a Consellería non ligue a concesión destas axudas á existencia de contratos de aprovisionamento de longa duración entre adegas e produtores nen as aproveite tampouco para potenciar a calidade a través de variedades de uva preferentes.

A organización agrogandeira lembra que na nosa Comunidade a viticultura aséntase sobre unha rede de pequenos e medianos produtores. Un tecido socioeconómico de incalculable valor para o rural galego, pois fixa poboación e constitúe unha fonte de ingresos indispensable en áreas pouco poboadas e con escasas alternativas.

Unións Agrarias lamenta que a Xunta tampouco aproveite a baza desta liña de axudas para incidir na estratexia de calidade dos viños galegos. A organización non entende que, no canto de ligar a súa concesión ao emprego de variedades de uva preferentes e autóctonas se abra a porta a todas as tipoloxías autorizadas na Comunidade. Un enfoque co que a Consellería dá as costas á estratexia pola diferenciación e a calidade, sinais de identidade dos viños galegos; e á viticultura tradicional sobre a que se asenta esta actividade en Galicia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias