UNIÓNS AGRARIAS CONDENA A MARCHA ATRÁS DA XUNTA NA DEFENSA DO SECTOR PRODUTOR

Considera inaceptable e incoherente que Medio Rural levante o veto de acceso a axudas públicas ás industrias sancionadas por incumprimentos graves da Lei de Cadea

Santiago, 21 de abril de 2023.- Unións Agrarias condena a marcha atrás da Xunta de Galicia no que á defensa do sector produtor contra os abusos das industrias se refire. A organización agrogandeira considera intolerable o cambio publicado hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia pola Consellería do Medio Rural que, contrariamente ao que anunciara hai só tres meses, finalmente non vetará o acceso das industrias sancionadas por incumprimentos graves da Lei de Cadea a axudas públicas.

Incumprir a Lei de Cadea Alimentaria seguirá sen ter apenas consecuencias para as industrias. E é así porque a Xunta de Galicia ven de recuar respecto a unha directriz indispensable para a blindaxe dos dereitos do sector produtor.

O 27 de xaneiro publicábanse as bases e a convocatoria para 2023 das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Un texto que, tal e como Unións Agrarias levaba tempo demandando, por primeira vez recollía o veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave en base ao previsto na Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, nos dous años anteriores á data da solicitude ou pagamento da axuda”. Ademais, establecía a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento da axuda.

Porén, hoxe mesmo a Consellería desdise e deixa na estacada a agricultores e gandeiros publicando no DOG unha modificación dese texto que elimina ese veto por consideralo “unha penalización excesiva carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida”.

Unións Agrarias non entende que Medio Rural opte por ollar cara outro lado ante os abusos e incumprimentos das industrias e que non lle trema o pulso en seguir premiando con cartos públicos a quen ignora as súas obrigas e a legalidade vixente. Nese senso, a organización lembra que o que se demandaba era a aplicación do mesmo criterio que a administración xa emprega noutros casos, por exemplo excluíndo do acceso a liñas públicas de axuda a empresas ou autónomos que non estean ao corrente nos pagos á Seguridade Social. “Ninguén se escandaliza porque isto sexa así nen se cuestiona a proporcionalidade dunha medida que probablemente terá importantes consecuencias para as pequenas empresas. Porén, a administración cuestiona a proporcionalidade da mesma medida para industrias con ingresos millonarios, mesmo cando estes son obtidos a custa de ignorar a legalidade vixente e os dereitos de agricultores e gandeiros”.

Unións Agrarias destaca que esta marcha atrás pon en risco a credibilidade da AICA galega. Unha ferramenta que xa viña tendo dificultades de funcionamento pola súa deficiente dotación e os escasos medios técnicos e humanos e que agora se ve reducida a un simple adorno. 

A organización lembra que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea. E insta á administración a actuar con contundencia e a sentar as bases para que incumprir a lexislación teña consecuencias.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias