UNIÓNS AGRARIAS CONSEGUE O COMPROMISO DE REGULARIZACIÓN DE TODOS OS BANZADOS EN USO

A organización reuniuse coa Confederación Hidrográfica do Cantábrico, que se compromete a non derrubar ningunha das estruturas en activo

Santiago, 11 de maio de 2023.- Ningún dos banzados en uso existentes na zona da montaña lucense será derrubado. É máis: a Confederación Hidrográfica do Cantábrico facilitará o proceso de regularización de todos aqueles que se atopen nunha situación de alegalidade e que estean a ser empregados. É o compromiso que Unións Agrarias conseguiu este mércores na xuntanza mantida en Oviedo co presidente e o comisario de Augas dese organismo. Un encontro que a organización agrogandeira propiciou habida conta da preocupación xerada polo posible derrube dunhas estruturas moi importantes para o mantemento das praderías das que depende a gandería dos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O secretario xeral e o responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Roberto García e Félix Porto, desprazáronse este mércores ata Oviedo para defender o mantemento dos banzados existentes nos municipios da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Unhas estruturas imprescindibles para as explotacións da zona, que grazas a elas poden contar con alimento para o gando nos meses de seca, dende abril ata outubro.

Os representantes de Unións Agrarias saíron do encontro co compromiso explícito da Confederación de respectar o mantemento de todos os banzados en uso. Ademais, ambos organismos colaborarán para facilitar a regularización de todos aqueles que estean a ser empregados por agricultores e gandeiros pero non conten coa necesaria concesión administrativa. Con ese obxectivo, procederase ao inicio dun expediente de legalización no que Unións Agrarias se implicará facilitando aos peticionarios a elaboración de toda a documentación e a execución dos trámites precisos.

Os banzados son elementos fundamentais para a actividade agrogandeira na zona da montaña lucense. Trátase de sistemas de rego centenarios rexidos por quendas de uso establecidas dende máis de 200 anos atrás que garanten o mantemento das praderías, fundamentais para a gandería tradicional en extensivo sobre a que se asenta boa parte da economía da zona.

Son estruturas de non máis de metro e medio de alto construídas na súa maioría en pedra que permiten o tránsito da fauna acuática e que garanten un uso sustentable dos recursos naturais, xa que o caudal de auga que subministran permite o mantemento dos prados sen que sexa preciso empregar ningún tipo de abonado adicional.

O número de banzados existentes na área afectada é altísimo e dá boa mostra da importancia dos mesmos, podendo existir máis de 300. A súa eliminación suporía a perda de superficies de labor e de pasto imprescindibles para as explotacións gandeiras da zona e implicaría un importante golpe para a economía dun sector xa moi castigado polos altos custos de produción e os baixos prezos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias