UNIÓNS AGRARIAS PLANTA BATALLA PARA FREAR O CONTENCIOSO DA FENIL CONTRA A PROHIBICIÓN DA COMPRA A PERDAS

A organización presentará no Tribunal Supremo unha pericial contra o recurso interposto pola Federación Nacional de Industrias Lácteas contra a Lei de Cadea

Unións Agrarias persoarase o mércores no Tribunal Supremo para a presentación da pericial coa que a organización aspira a frear o intento da Federación Nacional de Industrias Lácteas de botar por terra a prohibición da compra a perdas introducida na Lei de Cadea Alimentaria. A organización agrogandeira suma forzas coa avogacía do estado para desmantelar o bochornoso intento da FENIL de seguir impoñendo condicións abusivas e ignorando a rendabilidade e os dereitos do sector produtor. Nese senso, Unións Agrarias condena publicamente un contencioso administrativo co que o colectivo que agrupa ás industrias lácteas en España tira definitivamente a careta e deixa ben clara a súa intención de seguir acumulando beneficios sen importarlle a realidade nen a rendabilidade das explotacións que deixa polo camiño.

O contencioso administrativo interposto pola FENIL contra a Lei de Cadea Alimentaria demostra a esencia dunha industria que leva décadas impoñendo prezos, levando ao límite a capacidade de resistencia das ganderías e forzando ao peche a unha media de 800 granxas cada ano. Pero tamén as curtas miras dunhas industrias que non están a ter en conta que, sen ganderías que lles subministren materia prima, o seu propio futuro está tamén en xogo.

Alén de sumarse á fronte pola defensa da Lei de Cadea Alimentaria, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con premura e a publicar canto antes os custos de produción de referencia comprometidos a través da Conta Láctea. A organización agrogandeira lembra que o 1 de agosto vencen a maior parte dos contratos de subministro de leite en vigor. Polo que xa a comezos de xuño as industrias deberan presentar aos produtores as súas ofertas de renovación (algo que, tal e como marca a lei, deben facer cun mínimo de dous meses de antelación).

Unións Agrarias lembra que contar por fin con custos de produción oficiais de referencia será o único xeito de frear o novo intento de baixada de prezos que xa é sabido que as industrias pretenden acometer. A última renovación foi xa bo exemplo do modus operandi e o proceder das industrias, que impuxeron en bloque unha baixada totalmente inxustificada do 10% sen ter en conta a realidade do mercado nin a evolución dos custos de produción do sector produtor.

Nos últimos dous anos a tendencia ascendente do prezo dos insumos foi unha constante que, se ben se ten contido lixeiramente nos últimos meses, ten posto ás explotacións contra as cordas. E é que o encarecemento da produción non levou aparellado un aumento equitativo dos prezos polos que as ganderías venden o seu leite.

Contar con custos de produción de referencia medios establecidos en función das dimensións das explotacións é fundamental. Pois a realidade hoxe é que as industrias están a pagar ata 10 céntimos menos por litro de leite ás granxas de menor tamaño, ao límite da súa resistencia.

Tal e como lembra Unións Agrarias, a imposición dunha nova baixada do prezo do leite sería un golpe inasumible para a maior parte das granxas galegas. Explotacións familiares de tamaño pequeno ou medio imprescindibles para o mantemento do medio rural galego.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias