Ourense, 25 de maio de 2023 – Unións Agrarias ven de participar na reunión provincial de actualización do protocolo dos danos da fauna salvaxe nos cultivos á que asisitiron a xefa territorial da CMATV de Ourense, o xefe de servizo de Patrimonio Natural, persoal técnico da Consellería e representantes de entidades agrarias, Consellos Reguladores e cazadores.
A Consellería de Medio Ambiente informou da autorización de 805 accións de control de danos en colaboración cos TECOR da provincia dende que pechou a tempada de caza o pasado mes de febreiro. Asemade de que se están a cumplir os cupos de caza asignados na comarca do Ribeiro, onde se abatiron casi 900 animales para cumprir cos plans de caza e estabilizar a poboación de xabaril.
Unións Agrarias aproveitou a xuntanza para pór sobre a mesa a problemática de acoso de corzo e xabaril aos viñedos do Ribeiro, especialmente en Regades Beade, onde a alarma social e as incursións nos viñedos non diminúe a pesares das esperas xa autorizadas. Situación que a Consellería achacou á complexidade das intervencións debido á existencia de zonas abandonadas preto das viñas, así como zonas de exclusión de caza e proximidade a zonas habitadas.
Unións Agrarias solicitou medidas máis aló das esperas, que teñen unha eficacia limitada, para deslocalizar os xabarís das zonas produtivas, cara ao monte. Ademais, pediu aumentar os cupos de caza no Ribeiro para estabilizar as poboacións desta especie nun número compatible coa actividade produtiva na comarca.
A Consellería de Medio Ambiente comprometeuse a realizar de forma inmediata xestións para realizar batidas nas zonas libres da súa competencia, de xeito que se alivie a presión do xabarín sobre os viñedos nestas datas e se deslocalicen as mandas de cara á tempada de maduración da uva, cando os viñedos voltarán ser vulnerables.
Asemade, Unións pediu a realización de probas piloto para uso de xaulas nas zonas de viñedo ou no entorno das casas onde se refuxian, de xeito que se poidan capturar grupos familiares de xabarís que están incursionando de xeito recurrente nos viñedos e sumando serios e constantes danos nas parcelas.
Unións Agrarias insiste na necesidade de controlar as poboacións de fauna salvaxe nas zonas produtivas e da implicación da Administración de forma activa en accións que impidan a existencia de zonas de abandono que se transforman en auténticos viveiros de xabarís, onde se refuxian e saen a buscar alimento as zonas cultivadas.
É preciso que esta situación de tendencia crecente destes danos se aborde dun xeito integral dende a Xunta de Galicia, coordinándose cos TECOR e Sociedades de Caza, para ir por diante da repetición de danos da fauna salvaxe nas producións agrarias, de xeito que se evite a súa repetición cada ano e mesmo a duplicación de danos na mesma campaña, xa que nas semanas previas á colleita é habitual que se dean incursións desta fauna para alimentarse dos acios de uva. Algo que se repite tamén nas últimas campañas de uva.