UNIÓNS AGRARIAS CONSEGUE QUE A XUNTA HABILITE AXUDAS PARA PALIAR OS DANOS DA RATA TOUPA

Logo de 4 anos de presión e peticións reiteradas a administración autonómica atende por fin as demandas dos gandeiros da montaña lucense

Sarria, 29 de maio de 2023.- Unións Agrarias celebra que a Xunta teña atendido por fin as súas reclamacións en relación aos danos provocados pola rata toupa nas pradarías da montaña lucense. Tras catro anos de continuas reclamacións por parte da organización agrogandeira, a administarción autonómica ven de aprobar axudas para as explotacións afectadas por unha praga que dende 2019 ten ás gandarías contra as cordas debido á falla de forraxe para os seus animais.

A continua pelexa impulsada por Unións Agrarias na procura de solucións á praga da rata toupa ven de dar froitos. A pesar das reticencias da Xunta de Galicia, a presión exercida pola organización agrogandeira materialízase hoxe nunhas axudas de 300 € por hectárea para as explotacións situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

As contías aprobadas supoñen un importante alivio para as explotacións, afogadas pola escalada do prezo dos insumos e coa súa capacidade de autoabastecemento mermada polos efectos unha praga que destrúe as pradarías das que proviña o alimento para o gando. Porén, moi probablemente a partida habilitada resultará insuficiente, posto que a día de hoxe a superficie afectada supera con creces as 2.000 hectáreas que permitirán cubrir os fondos da Xunta.

Unións Agrarias tamén observa con certa preocupación a zonificación que a Xunta ten establecido. E lembra que, tras catro anos estendéndose sen control, é moi probable que a praga de roedores exceda a área que a administración ten delimitado como zona afectada e, porén, subvencionable. Así as cousas, a organización estudará polo miúdo a situación e solicitará unha xuntanza para garantir que ningunha explotación afectada poida verse excluída desta convocatoria.

Dende que os gandeiros da zona deron a voz de alarma ante os destrozos provocados por esta praga Unións Agrarias ven liderando a batalla para que a Xunta de Galicia conceda axudas para paliar os danos e procure solucións que permitan poñerlle couto á praga. Un apoio que chega con atraso e coa área afectada en continua expansión. Motivo polo cal a organización insta tamén a continuar traballando na procura de solucións que permitan poñerlle couto e frear os danos causados por este roedor.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias