UNIÓNS AGRARIAS DEFENDE NO TRIBUNAL SUPREMO O DEREITO DAS GANDERÍAS A COBRAR POR ENRIBA DE CUSTOS

A organización presentou unha pericial que quere desmontar o intento da FENIL de botar abaixo a pedra angular da Lei de Cadea Alimentaria

Unións Agrarias persoouse hoxe no Tribunal Supremo para defender o dereito das explotacións lácteas a cobrar por enriba de custos. Un logro acadado coa última modificación da Lei de Cadea Alimentaria, hai ano e medio, que as industrias non se resignan a acatar.

Técnicos e membros dos servizos xurídicos de Unións Agrarias compareceron esta mañá na Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo para participar nunha sesión de presentación de informes periciais; o que na práctica supón a presentación de probas argumentais para blindar ou, no seu caso torpedear, unha lei aprobada por maioría no Parlamento. Son as industrias lácteas, representadas pola súa federación FENIL, as únicas en toda a cadea alimentaria que se teñen aventurado a tratar de desmontar unha norma reivindicada por agricultores e gandeiros durante anos.

O informe presentado por Unións Agrarias desmonta os argumentos da industria, que coa demanda presentada a finais do ano pasado presente eliminar a prohibición da compra a perdas da Lei de Cadea. Unha medida axustada a dereito que debe seguir plenamente en vigor, cumpríndose e facéndose cumprir.

A demanda presentada pola FENIL pon en evidencia a verdadeira cara das industrias lácteas. Un cártel que leva anos impoñendo prezos e abusando da súa situación de poder fronte ao sector produtor e cuxas prácticas ilícitas xa foron ratificadas e sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

Son esas prácticas abusivas as que, con esta demanda, as industrias pretenden seguir impulsando con impunidade. Unha actitude éticamente impresentable que, coa defensa realizada por Unións Agrarias e pola Avogacía do Estado debera verse freada nas vindeiras semanas.

Tal e como explicou o secretario xeral de Unións Agrarias ás portas do Tribunal, as industrias lácteas “queren exercer un dererito de pernada, seguir impoñendo prezos ao elo máis baixo da cadea como veñen facendo desde o ano 2000”. Nese ano había en España unhas 60.000 granxas lácteas, das que hoxe quedan pouco máis de 10.000. Un proceso de peches masivos motivado por unha crise de rendabilidade imposta polas industrias aos gandeiros coa colaboración das grandes cadeas de distribución.

Con esta demanda as industrias “queren seguir impoñendo unilateralmente os prezos”; eludindo a negociación e forzando ao sector produtor a asinar contratos de adhesión sen ter en conta nin os custos de produción nin a situación real de mercado, tal e como volveron facer na última renovación de contratos que está a producirse dende abril.

Unións Agrarias confía en que nas próximas semanas o Tribunal Supremo dea a razón ao sector produtor e se free así un intento desesperado e totalmente reprobable das industrias de seguir acumulando beneficios a custa da rendabilidade das explotacións.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias