UNIÓNS AGRARIAS CONSEGUE A POSTA EN MARCHA DO PROCESO DE REGULARIZACIÓN E PROTECCIÓN DOS BANZADOS

A organización reuniuse hoxe en Lugo coa Confederación Hidrográfica do Cantábrico

Lugo, 20 de xuño de 2023.- Representantes de Unións Agrarias e a da Confederación Hidrográfica do Cantábrico mantiveron hoxe unha reunión na Subdelegación do Goberno en Lugo para avanzar na tramitación da protección de todos os banzados existentes nos ríos dos concellos da montaña lucense. Unhas infraestruturas que, grazas ás xestións realizadas pola organización agrogandeira, a Confederación se compromete a respectar, regularizar e preservar na súa totalidade.

Logo da xuntanza mantida esta mañá en Lugo a Confederación Hidrográfica comezará o inventariado de todos os banzados existentes nos cauces fluviais da montaña lucense para proceder á súa actualización administrativa e posta en valor, xa sexa pola función que manteñen para o rego nas explotacións gandeiras ou debido ao seu interese patrimonial e paisaxístico.  

A Confederación Hidrográfica a través do seu comisario, Gonzalo Gutiérrez de la Roza,  manifestou o seu compromiso de non derrubar ningún dos banzados en uso existentes na zona da montaña lucense. Unións Agrarias, pola súa banda, iniciará unha campaña informativa desde as súas oficinas e ponse a disposición tanto dos Concellos afectados como das comunidades de regantes para asesoralos a colaborar na tramitación dos expedientes de regularización daquelas estruturas que a día de hoxe non conten coa pertinente autorización administrativa. Dese xeito, con este encontro propiciado por Unións Agrarias remata a preocupación xerada polo posible derrube dunhas estruturas moi importantes para o mantemento das praderías das que depende a gandería dos concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.

O secretario xeral e o responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Roberto García e Félix Porto, que se este mércores ata Lugo para participar na xuntanza, manifestaron a súa satisfacción polo mantemento dos banzados existentes nos municipios da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Unhas estruturas imprescindibles para as explotacións da zona, que grazas a elas poden contar con alimento para o gando nos meses de seca, dende abril ata outubro.

Os banzados son elementos fundamentais para a actividade agrogandeira na zona da montaña lucense. Trátase de sistemas de rego centenarios rexidos por quendas de uso establecidas dende máis de 200 anos atrás que garanten o mantemento das praderías, fundamentais para a gandería tradicional en extensivo sobre a que se asenta boa parte da economía da zona.

Son estruturas de non máis de metro e medio de alto construídas na súa maioría en pedra que permiten o tránsito da fauna acuática e que garanten un uso sustentable dos recursos naturais, xa que o caudal de auga que subministran permite o mantemento dos prados sen que sexa preciso empregar ningún tipo de abonado adicional. O número de banzados existentes na área afectada é altísimo e dá boa mostra da importancia dos mesmos, podendo existir máis de 300.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias