UUAA DENUNCIA A REEDICIÓN DO CÁRTEL LÁCTEO POR PARTE DE CLAS

Central Lechera Asturiana encabeza un grupo de empresas que están a concertar prezos contra os gandeiros

Santiago, 6 de xullo de 2023.- Unións Agrarias ven de remitir un escrito á Consellería do Medio Rural para denunciar que a firma asturiana CLAS está a tentar reeditar o cártel lácteo para forzar baixadas irregulares do prezo do leite en orixe. Tras a iniciativa desta empresa outras firmas do sector están copiando as súas prácticas ilegais para concertar as cotizacións por debaixo dos custos de produción e cunha duración dun máximo de catro meses, que ofrecen aos gandeiros nas propostas de contratos que lles poñen para asinar. Tal e como xa denunciara Unións Agrarias, xa no mes de marzo Central Lechera Asturiana enviara ás explotacións unha remesa de contratos nos que se esixía directamente a adhesión sen posibilidade de negociación a través dunha organización de produtores. Oferta que nen sequera foi remitida con dous meses de antelación, tal como fixa a Lei da Cadea Alimentaria.

A organización agraria exixe ás administracións que sexan inflexibles con estas prácticas comerciais tóxicas para o sector produtor e iniciará unha campaña de información aos consumidores a través das superficies comerciais para impedir que se comercialice o leite e os derivados lácteos daquelas empresas que,como Central Lechera Asturiana están forzando aos gandeiros galegos – non así aos asturianos- a ter que vender a perdas a súa produción.

Do mesmo xeito, Unións Agrarias fai un chamamento ás explotacións lácteas para que se neguen a asinar estes contratos abusivos e que denuncien as presións a través de organización de produtores como ULEGA. De feito, a organización agraria está ultimando un calendario de reunións cos produtores para trazar unha estratexia conxunta.

Ademais, o vindeiro luns 10 de xullo Unións Agrarias comparecerá diante da Audiencia Nacional para desmontar as falacias de CLAS no marco das demandas interpostas contra o cartel do leite. Un procedemento ao que, da man de Unións Agrarias, xa se teñen sumado máis de 7.000 ganderías que reclaman ás industrias uns 1.500 millóns de euros, máis intereses. O pacto ilícito do cártel do Leite provocou un empobrecemento de 2.600 millóns de euros para as ganderías; uns cartos que quedaron no peto das industrias e que agora a organización agrogandeira quere devolver ao sector produtor. No que respecta ás cifras galegas, á Comunidade pertencen máis de 5.000 das 7.000 ganderías que teñen canalizado a súa reclamación a través de Unións Agrarias; que suma unha reclamación total de 800 millóns de euros aos que habería que sumar outros 250 correspondentes aos intereses de demora acumulados.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias