Santiago, 13 de xullo de 2023.- Unións Agrarias ven de remitir un escrito á Dirección de Xeral de Gandaría para trasladar a súa preocupación polo atraso na vacinación contra a enfermidade animal da lingua azul. Unha situación que vai provocar que a partir do 15 de xullo non sexa posible sacar gando das explotacións e, polo tanto, comercializalo para sacrificio.
A provincia de Ourense verase especialmente afectada, sobre todo no sector ovino, xa que o verán é a época de maior consumo de carne de años e as granxas programan os partos para estes meses. Tamén se verán prexudicadas as explotacións de vacún que no seu momento non puideron inmunizar os seus animais por ser menores de tres meses, e que agora se atopan xa en idade de sacrificio ou de ser enviados a cebadeiros.
Desde o servizo de veterinario da Xunta de Galicia recoñecen estar desbordados e faltos de persoal para acometer con garantías a campaña de vacinación, polo que na carta remitida ao director xeral de Gandería, José Balseiros, Unións Agrarias esixe que se doten adecuadamente os equipos de traballo para resolver o bloqueo dun xeito eficaz. Do contrario, as explotacións terán que pagar do seu peto un servizo de vacinación privado cando é a Xunta de Galicia a que ten competencia exclusiva nesta materia.
UUAA tamén trasladou ao director xeral a necesidade de que, mentres a situación non se desbloquea, poida ampliarse o período de carencia na aplicación da prohibición máis aló do vindeiro venres, alomenos dentro do territorio de Galicia, para tratar de minorar os danos nas rendas das explotacións. As zonas de maior afectación son as do Macizo Central ourensán, con concellos especialmente problemáticos como Viana do Bolo, cunha grande produción ovina e tamén de vacún de carne que se vai ver resentida.
A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo entre animais), que é esparexida por varias especies de mosquitos que transmiten a enfermidade ao picar a animais despois de ter picado previamente a outros que si a tiñan.