UNIÓNS AGRARIAS INSTA ÁS ADEGAS A ASINAR E REXISTRAR CONTRATOS ANTES DA VENDIMA

Lembra que, dende o 30 de xuño, a medida é de obrigado cumprimento

Santiago, 28 de xullo de 2023.- Unións Agrarias insta ás adegas a actuar con rigor e a respectar os dereitos dos viticultores nesta campaña. A organización fai un chamamento á responsabilidade e lembra que o uso do Rexistro de Contratos Alimentarios impulsado polo Ministerio xa non é opcional, senón unha obriga para  todas e cada unha das operacións de compravenda a produtores e agrupacións destes realizadas desde o 30 de xuño.

Unións Agrarias manterase alerta para controlar que, nesta vendima, ningunha entrega de uva se realice sen ter previamente asinado e rexistrado o pertinente contrato. Logo de anos reclamando a posta en marcha dun rexistro público de contratos e denunciando a indefensión dos pequenos e medianos produtores ante as grandes adegas, por primeira vez esta vendima o uso do Rexistro creado en decembro do 2022 é obrigatorio. Así as cousas, Unións anima a todos os viticultores a reivindicar os seus dereitos e non realizar ningunha entrega de uva sen ter antes rexistradas por escrito as condicións desa venda.

A sinatura de contratos en branco e a entrega de uva sen coñecer previamente o prezo da mesma viña sendo práctica habitual na vendima galega. Unhas prácticas que situaban aos agricultores nunha clara situación de desvantaxe e deixábanos a expensas dos intereses e necesidades das adegas.

Coa entrada en vigor do uso obrigatorio do Rexistro de Contratos Alimentarios repetir estas prácticas será máis complicado, pois as datas nas que se realiza a vendima nas distinas DOs e, polo tanto, nas que se efectúan as entregas de uva, son públicas e facilmente controlables. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento á administración para que se manteña vixiante e actúe con celo á hora de sancionar posibles incumprimentos.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias