Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e urxencia para ampliar os medios dispoñibles para a vacinación de lingua azul e a racionalizar os criterios que están a aplicarse á hora de vetar a saída de animais das explotacións gandeiras. Tres semanas despois de que a organización se dirixira por escrito á Consellería para alertar da situación de bloqueo e da preocupación que estaba a darse nas explotacións do Macizo Central ourensán, a administración segue sen mover ficha para paliar o déficit de veterinarios que lastra o avance da campaña, e que afecta tamén ás contornas de Monforte e Chantada. Unha situación que ten contra as cordas ao sector produtor de vacún e ovino, que acumula perdas con cada día que pasa.
Unións Agrarias considera inaceptable que a Xunta de Galicia siga deixando pasar as semanas sen acometer a dotación de persoal necesaria para desbloquear a situación que lastra a saída de animais das explotacións a causa da paralización da campaña de vacinación de lingua azul.
O nulo avance desta campaña de vacinación está a afectar moi especialmente á provincia de Ourense; concretamente ao sector de ovino, xa que o verán é a época de maior consumo de carne de años e as granxas programan os partos para estes meses. Do mesmo xeito están a verse tamén prexudicadas as explotacións de vacún que no seu momento non puideron inmunizar os seus animais por ser menores de tres meses, e que agora se atopan xa en idade de sacrificio ou de ser enviados a cebadeiros.
Desde o servizo veterinario da Xunta de Galicia recoñecen estar desbordados e faltos de persoal para acometer con garantías a campaña de vacinación, polo que na carta remitida ao director xeral de Gandería, José Balseiros, Unións Agrarias esixiu que se doten adecuadamente os equipos de traballo para resolver o bloqueo dun xeito eficaz. Do contrario as explotacións terán que pagar do seu peto un servizo de vacinación privado cando é a Xunta de Galicia a que ten competencia exclusiva.
UUAA tamén ten solicitado a ampliación do período de carencia na aplicación da prohibición, alomenos dentro do territorio de Galicia. Unha medida que permitiría minorar os danos nas rendas das explotacións. As zonas de maior afectación son as do Macizo Central ourensán, con concellos especialmente problemáticos como Viana do Bolo, cunha grande produción de ovino e vacún de carne que está a verse seriamente resentida.
A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso (non se transmite por contacto directo entre animais), transmitida por mosquitos. Nese senso, Unións Agrarias tamén solicita que se modifiquen os criterios que están a aplicarse no que respecta á saída becerros e tenreiras nacidos de vacas sen vacinar. A día de hoxe o feito de que a nai non teña sido vacinada supón a prohibición de que os becerros e tenreiras nacidos da mesma poidan ser enviados a centros de recría ou cebadoiros. Unha medida sen sentido cando non existe risco de transmisión directa de nais a fillos que está a xerar graves problemas nas explotacións de leite das contornas de Chantada e Monforte.
O atraso na campaña de vacinación de lingua azul tamén ten xerado problemas na zona do Macizo Central ourensán, con concellos especialmente problemáticos como Viana do Bolo, cunha grande produción ovina e tamén de vacún de carne que está a verse resentida ao non poder dar saída aos animais en idade de sacrificio ou de ser enviados a cebadoiros.