Unións Agrarias denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante a AICA estatal e autonómica as condutas ilícitas das industrias lácteas. Case 200 millóns de euros é a cantidade que o sector produtor deixará de percibir neste 2023 a causa das sucesivas baixadas de prezos impostas por unhas industrias que, de xeito reiterado, eluden a legalidade e actúan á marxe da Lei de Cadea Alimentaria. Unha caída de ingresos que deixa as explotacións contra as cordas e que situará as tarifas percibidas pola meirande parte das explotacións por debaixo de custos de produción.
Logo da baixada de prezos imposta na renovación de contratos de abril, unha vez máis as industrias lácteas pretenden forzar ás explotacións galegas a aceptar unha nova baixada dos prezos que perciben polo leite que producen. Logo da renovación de contratos deste mes de agosto o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano.
As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción.
Dos 198 millóns de euros que as ganderías de leite galegas deixarán de ingresar neste 2023 a causa desta actitude ilícita das industrias 87,6 corresponden á Coruña. Unhas cifras que supoñen unha baixada de ingresos de máis de 40.000 euros para cada unha das 2.166 explotacións desa provincia.
Unións Agrarias destaca as coincidencias existentes entre os contratos que unhas e outras industrias poñen fronte aos gandeiros cos que traballan: todas coas mesmas baixadas de prezo e todas con idéntica redacción e cláusulas. Un feito que evidencia que, unha vez máis, as industrias están a actuar como un cártel organizado para adaptar o mercado ás súas necesidades e incrementar as súas contas de beneficios á marxe da legalidade e da evolución do mesmo.
Este feito, sumado á resistencia das industrias a negociar contratos e a os reiterados incumprimentos no que á duración e prezos de presentación dos mesmos se refire, servirá de fundamento para as denuncias que Unións Agrarias xa está a preparar. Unhas demandas que a organización agrogandeira levará ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia; un oganismo que no 2019 xa impuxo unha sanción millonaria ao cártel do leite por pactar prezos á baixa de xeito ilícito.
Mentres as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€).
Unións Agrarias destaca tamén o caso concreto de Central Lechera Asturiana; unha firma cunha actitude especialmente sangrante por discriminatoria, xa que aplica tarifas diferentes aos gandeiros segundo a súa ubicación: ata sete céntimos menos para un galego que para un asturiano.
Bloqueo a causa da paralización da campaña de vacinación da lingua azul
Unións Agrarias aproveitou a convocatoria de prensa desta mañá na Coruña para volver incidir no bloqueo que a paralización da campaña de vacinación de lingua azul está a supoñer nas explotacións galegas. A falla de veterinarios suficientes ten ás ganderías de vacún e ovino contra as cordas, posto que os meses pasan e os animais que na última visita dos equipos sanitarios aínda non se atopaban en idade de vacinación xa deberan ter saído ao mercado. Algo que non ten sido posible aínda pola ausencia da pertinente vacina e que con cada día que pasa ocasiona perdas económicas para as ganderías. Así as cousas, a organización fai un chamamento á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a acometer a dotación de persoal necesaria para que a campaña de vacinación poida avanzar.