Santiago, 11 de agosto de 2023.- Unións Agrarias advirte da extensión do cancro do castiñeiro pola Galicia atlántica e da necesidade de accións integradas que eviten o agravamento do impacto actual desta doenza. Através da súa asociación sectorial forestal ASEFOGA a organización insta á Xunta de Galicia a estender a campaña de vacinación impulsada en Lugo e Ourense a unha área na que a produción madeireira está a verse seriamente ameazada por unha enfermidade que podería supor a práctica desaparición das plantacións de castiñeiro da franxa costeira das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, así como doutras comarcas máis interiores como Santiago, Ordes ou Melide.
Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia poña en marcha un plan que permita aplicar os tratamentos contra o cancro do castiñeiro na totalidade das zonas afectadas. O cancro do castiñeiro trátase con vacinas hipovirulentas da propia enfermidade, e de feito xa se teñen desenvolvido tratamentos efectivos na Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Nese senso, a organzación fai un chamamento para que a Xunta de Galicia estenda ás provincias da Coruña e Pontevedra a campaña de vacinación que xa desenvolveu nas zonas de produción de castaña do interior e na montaña das provincias de Lugo e Ourense.
A franxa atlántica caracterízase por plantacións de castiñeiro máis orientadas á produción de madeira de calidade que á produción de castaña. Razón pola que ASEFOGA reitera o chamamento feito conxuntamente no Consello Forestal de Galicia para que este problema se introduza de xeito inmediato na axenda de prioridades da Consellería do Medio Rural e se proceda ao tratamento destas masas arboradas de tan alto valor forestal e ecolóxico.
O avance do cancro do castiñeiro pola Galicia atlántica sería desastroso para o desenvolvemento do sector forestal galego, pois frearía a posiblidade de aproveitamento da madeira de especies frondosas e os esforzos realizados nese senso nos últimos 40 anos para reintroducir os soutos en zonas onde a enfermidade da tinta xa fixera desaparecer o castiñeiro e o seu aproveitamento. Algo que foi posible grazas ao traballo para conseguir híbridos resistentes á tinta realizado nos anos 50 e 60 do pasado século por investigadores da Misión Biolóxica de Galicia como Viéitez Cortizo.
As árbores con sintomatoloxía do cancro son fácilmente identificables, con pólas da copa que van secando progresivamente durante a primavera e o verán e feridas características na madeira das ramas que van morrendo, que presentan un aspecto de rozaduras. As copas dos exemplares afectados van morrendo progresivamente a causa dunha doenza que chega a hipotecar a árbore enteira cando o cancro xa afecta á base do tronco, onde aparecen feridas similares ao impacto dunha máquina que tivera arrincado parte da corteza.
O castiñeiro é unha das especies máis tradicionais, e á vez máis agroforestalmente interesante, das presentes en Galicia. Permite a súa xestión para a produción de madeira, froito e plantacións mixtas froito-madeira, así como tratamentos en monte alto e baixo. Ocupa unhas 45.000 hectáreas en Galicia, e ademáis do aproveitamento de madeira permite a produción dunhas 20.000 toneladas de castaña ao ano para a súa comercialización, o que supón un importante complemento para moitas economías familiares do interior de Galicia.