Santiago, 17 de agosto de 2023.– Ante o inicio da campaña ordinaria de caza do xabaril este sábado 19 de agosto, e que se prolongará ata o 25 de febreiro do 2024, Unións Agrarias insta aos TECOR e Sociedades de Caza a iniciar canto antes as batidas e a centrar esforzos nas zonas de cultivo de millo e vide. A organización fai un chamamento á colaboración ante o anticipo das colleitas destes cultivos, que xa están a entrar en madurez en moitas zonas de Galicia, o que fará moi vulnerables ante o posible ataque destes animais.
En Galicia véñense sementando unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro, sendo a principal zona de España para este cultivo, fundamental para a alimentación da cabana de leite e de carne, e que se recolle a partires do mes de setembro ou en outubro, dependendo das zonas e da variedade de millo cultivada. Porén, este ano en moitas zonas ven moi adiantado polas condicións favorables para o seu crecemento e madurez desta campaña. Por eso é fundamental o control do xabarín nestas semanas nas que a espiga vai madurando e se fai comestible e apetecible para o xabarín.
Asemade, en varias zonas de denominacións de orixe como O Ribeiro, onde a formación e maduración dos acios xa se atopa avanzada, empezan as incursións das mandas para alimentarse da uva, o que fai precisa a toma de medidas preventivas.
Todos os anos se dan perdas moi serias polo efecto das mandas do xabaril no millo, que poden superar os 6 millóns de euros dependendo de cada campaña. Elo ocorre en apenas un mes, entre que a espiga madura e se recolle o millo. Por elo a actividade das máis de 400 TECOR e Sociedades de Caza que existen en Galicia é fundamental precisamente nestas semanas, xa que as súas accións de caza, debidamente planificadas e coordinadas, poden evitar moitas destas perdas, concentrando accións de caza que alonxen e dispersen a presenza do xabarín no entorno das zonas cultivadas nas próximas semanas. Colaboración insustituible para a prevención destes danos, e que fai da caza social galega o principal instrumento de xestión das poboacións de xabarín e de evitación dos seus danos nas distintas producións agrarias (millo, forraxe, pataca, horta, castaña, uva).
Asemade a Consellería de Medio Ambiente debe de implicarse na coordinación cos TECOR, trasladando ás parroquias e lugares onde se vaian reportando a existencia de danos, e autorizando de forma áxil as accións de caza ordinaria ou extraordinaria que sexan precisas nas próximas semanas críticas para millo e uva.
Unións tamén lembra que segundo a Lei 13/2013 de Caza de Galicia, son os TECOR e Sociedades de Caza os responsables do control dos danos, e de indemnizar aos agricultores e gandeiros cando estes se producen, xa que no mes de febreiro do ano 2020 o Parlamento de Galicia rexeitou a Iniciativa Lexislativa Popular do sindicato, que avalada por máis de 6.500 firmas, pretendía trasladar esta responsabilidade de control de poboacións de xabaríns e de indemnización de danos á Xunta de Galicia.