Santiago, 18 de agosto de 2023.- Unións Agrarias volve incidir na necesidade de que a Xunta teña en conta o comportamento das industrias agroalimentarias e vete o acceso a axudas públicas daquelas que incorran en incumprimentos graves da Lei de Cadea. A organización agrogandeira fai un chamamento para que a administración autonómica aproveite os mecanismos dos que dispón para velar polo cumprimento da legalidade e preservar os dereitos do sector produtor. Nese senso, insta ao goberno galego a volver incluír no listado de requisitos de acceso á liña de axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios o veto eliminado en abril. Así como a introducir cláusulas que impidan o acceso das firmas que incorran en comportamentos discriminatorios cara ás ganderías da nosa Comunidade a esta e outras posibles liñas de financiamento autonómico.
O 27 de xaneiro publicábanse as bases e a convocatoria para 2023 das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Un texto que, tal e como Unións Agrarias levaba tempo demandando, por primeira vez recollía o veto expreso aos solicitantes “que foran obxecto de sanción firme grave ou moi grave en base ao previsto na Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria nos dous años anteriores á data da solicitude ou pagamento da axuda”. Ademais, establecíase a obriga de devolver a contía percibida no caso de que os beneficiarios fosen obxecto de sanción nos cinco anos posteriores ao pagamento desa contía. Porén, tres meses despois a Consellería desdecíase e deixaba na estacada a agricultores e gandeiros publicando no DOG unha modificación dese texto que eliminaba ese condicionante por consideralo “unha penalización excesiva carente da requirida proporcionalidade para a infracción cometida”.
Unións Agrarias non entende que Medio Rural opte por ollar cara outro lado e repartir cartos públicos sen ter en conta o comportamento e o cumprimento da legalidade por parte dos beneficiarios. A organización agrogandeira considera intolerable que a Xunta de Galicia conceda carta branca ás industrias para actuar ao seu antollo e que non lle trema o pulso ante a posibilidade de premiar con cartos públicos a quen ignora as súas obrigas e a legalidade vixente. Nese senso, a organización lembra que o que se demanda é a aplicación do mesmo criterio que a administración xa emprega noutros casos, por exemplo excluíndo do acceso a liñas públicas de axuda a empresas ou autónomos que non estean ao corrente nos pagos á Seguridade Social. “Ninguén se escandaliza porque isto sexa así nen se cuestiona a proporcionalidade dunha medida que probablemente terá importantes consecuencias para as pequenas empresas. Porén, a administración cuestiona a proporcionalidade da mesma medida para industrias con ingresos millonarios, mesmo cando estes son obtidos a custa de ignorar a legalidade vixente e os dereitos de agricultores e gandeiros”.
A organización lembra que o mantemento deste veto, xunto ao endurecemento das sancións cometidas polas industrias e a publicidade das mesmas son medidas indispensables para garantir o cumprimento da Lei de Cadea. Nese senso, insta á administración a actuar con contundencia e a sentar as bases para que incumprir a lexislación teña consecuencias.
Unións Agrarias destaca ademais que esta marcha atrás pon en risco a credibilidade da AICA galega. Unha ferramenta que xa viña tendo dificultades de funcionamento pola súa deficiente dotación e os escasos medios técnicos e humanos e que agora se ve reducida a un simple adorno.