Santiago, 23 de agosto de 2023.- Unións Agrarias fai un chamamento á responsabilidade e á cautela para que tanto os Consellos Reguladores como a Xunta de Galicia se manteñen alerta para evitar posibles incumprimentos na vendima que acaba de arrincar. Ante o inicio dunha campaña moi desigual debido ás importantes perdas ocasionadas polo mildiu, a organización agrogandeira insta a extremar as precaucións para garantir e blindar a calidade dos viños das DOs galegas e frear posibles entradas de uva foránea. Nese senso, reclama medidas que contribúan a disuadir ás adegas que puideran incorrer na tentación de non cumprir coas súas obrigas.
Os episodios de mildiu xurdidos nos últimos meses teñen dado forma a unha campaña que, ademais de inferior á do ano pasado, prevese tamén moi desigual. Mentres que para algúns viticultores as perdas teñen sido case nulas, existen casos nos que o volume das mesmas pode dar lugar a reducións da colleita de ata o 50% para algunhas adegas. Unha situación que podería abrir á porta á entrada de uva de fóra das denominacións de orixe galegas, e ante a que Unións Agrarias fai un chamamento á responsabilidade de todos os implicados.
Alén de extremar a vixiancia sobre a evolución da campaña, Unións Agrarias pide ademais á Xunta que implemente medidas que teñan un efecto disuasorio e que contribúan a poñer couto a posibles incumprimentos por parte das adegas. Nese senso, a organización agrogandeira reclama que, ao igual que fai a AICA no que respecta ás infraccións relacionadas con incumprimentos da Lei da Cadea Alimentaria, a administración autonómica faga públicas as irregularidades que puideran darse en relación á recollida e entrada de uva. Ademais, solicita que se exclúa ás adegas que incorran en incumprimentos das liñas de axudas públicas.
A organización lembra ademais que por primeira vez nesta vendima o uso do Rexistro Público de Contratos creado polo Ministerio de Agricultura en decembro do 2022 é obrigatorio. Nese senso, fai un chamamento á responsabilidade e insta ás adegas a actuar con rigor e a respectar os dereitos dos viticultores de xeito que ningunha entrega de uva se realice sen ter previamente asinado e rexistrado o pertinente contrato. Un aspecto que, igualmente, insta a ter en conta á hora de permitir o acceso das adegas a subvencións.
Unións Agrarias lembra que, xunto coa limitación do acceso a liñas públicas de axuda, a publicidade dos incumprimentos e o establecemento de sancións exemplares constitúen o único xeito de frear incumprimentos e garantir tanto os dereitos dos produtores como a calidade dos viños galegos.