Santiago, 5 de setembro de 2023.- Unións Agrarias celebra a decisión da Comisión Europea de dar efecto á recomendación feita polo Parlamento Europeo en novembro de 2022, cando solicitara a revisión do estatus da protección do lobo na UE ante o que entendía como un desequilibrio entre as actuais medidas proteccionistas e os danos e riscos que a expansión do cánido estaba a crear no rural.
Mediante un comunicado asinado pola presidenta da Comisión, Úrsula Van der Leyen, a Comisión anuncia a apertura dun prazo de consultas. Deste xeito, e ante ao aumento dos ataques ao gando que se ven rexistrando, Bruxelas estudará a pertinencia de mudar as regras de protección do lobo na UE, avaliando para elo a realidade actual desta especie e tendo en conta se a recuperación da mesma que semella estar a darse en numerosas rexións da UE supón un “perigo real” para o gando e un “risco potencial” para a poboación local.
Para elo a Comisión habilitou un correo electrónico de contacto, wolf-data-collection@ec.europa.eu, ao que membros da comunidade científica, técnicos, organizacións agrarias e comunidades locais poden enviar os seus informes, datos e a súa visión da problemática da convivencia do lobo coa actividade gandeira e as poboacións rurais.
Unións Agrarias utilizará esta canle de comunicación coa Comisión, para expoñer o seu punto de vista sobre as peculiares condicións de Galicia, onde os censos oficiais dan conta da presencia dunhas 90 mandas de lobos, cun número de exemplares preto de 650, o que supón máis lobos en Galicia que en países da UE como Francia ou Portugal.
Asemade, Unións Agrarias concorda coa Comisión en sinalar a existencia dun “perigo real” para o gando, en tanto en canto se declaran máis de 2.200 reses mortas ao ano en Galicia (se ben o número real é cando menos un 30% superior ao declarado nesas solicitudes de axudas, que moitos gandeiros desisten de tramitar pola excesiva burocracia e requisitos das mesmas). A día de hoxe en Galicia o gando supón máis do 50% da dieta do lobo, que está a ser mantido cos recursos das gandeiras e gandeiros galegos e as súas familias. Ademais do risco que esta especie supón para actividades tradicionais, como a cría de razas autóctonas de cabalo de monte; razas que están en serio perigo de extinción pola crecente presión do lobo nos últimos anos.
Unións Agrarias tamén reportará por escrito a necesidade de dotacións económicas para medidas preventivas e de indemnización dos danos, nun contexto de extensificación e manexo ecolóxico dos rabaños que os fai máis vulnerables, crecente en Galicia en cumprimento das propias directivas da PAC.
Asemade, a organización agrogandeira avaliará para a Comisión o que entende como existencia de “riscos potenciais” para a poboación, dado que cada vez están a rexistrarse máis ataques preto de casas, e existen datos contrastados de cando menos 5 nenos mortos polo lobo en Galicia entre os anos 1938 e 1975. Na Mariña Lucense o lobo ten chegado a matar mascotas e gando menor nas eiras e nos propios patios traseiros das casas. Unha situación que se dá nunha zona cunha das densidades de poboación do lobo máis altas do mundo, segundo estudos científicos de especialistas da Universidade.
Unións Agrarias reitera o seu compromiso coa conservación das poboacións do lobo en Galicia, o que implica a necesidade de medidas de xestión realistas que permitan controlar as súas poboacións, reducir os ataques ao gando, indemnizar aos gandeiros afectados de xeito áxil e con prezos reais de mercado, e a posta en marcha de medidas específicas cando existan riscos potenciais para as poboacións locais.
A organización agrogandeira entende que isto pasa pola creación dun marco legal axustado, que só pode ser realista e xusto se atende a todas as voces implicadas na problemática da convivencia co lobo. Algo que non se fixo nos últimos anos, onde as voces, os problemas e os danos das comunidades rurais foron sistematicamente ignoradas mentres se atendía exclusivamente aos puntos de vista de determinados grupos ideolóxicos e de presión que están fóra da realidade e acaban resultando prexudiciais para aquelo ao que todos aspiramos no noso rural: a efectiva conservación e convivencia coas poboacións do lobo.