Santiago, 7 de setembro de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia e ao Ministerio a actuar con premura para dar forma a un protocolo de actuación que permita dar unha resposta áxil ás explotacións que están a verse afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). A organización fai un chamamento á responsabilidade para que as gandarías poidan contar sen máis demora co apoio preciso para facer fronte a unha doenza para a que aínda non existe vacina e que se estende sen control polo territorio estatal.
Unións Agrarias insta á Xunta a actuar con anticipación e a habilitar canto antes unha liña de axudas para as explotacións que poidan verse afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Ante a aparición de numerosos casos en Zamora e Asturias a organización agrogandeira fai un chamamento á responsabilidade e solicita unha xuntanza coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación, avaliar os riscos e trazar un plan de acción que permita ás gandarías galegas contar cos apoios necesarios para facer fronte á doenza dende o minuto cero.
Unións Agrarias non entende que a día de hoxe, coa doenza expandida xa pola práctica totalidade do territorio estatal e case 10 meses despois de que se detectara o primeiro caso, non exista aínda un protocolo de actuación a nivel estatal. Unha cuestión que será abordada o mércores nunha xuntanza na que a organización trasladará ao Ministerio as súas propostas e demandas en relación a esta doenza.
Entre 2.000 e 3.000 euros de gasto está a supor a EHE ás ganderías das zonas afectadas por unha doenza que é transmitida por mosquitos e que afecta especialmente a rumiantes silvestres como cervos, gamos ou corzos. Unha problemática que neste momento se atopa ás portas da fronteira galega, con casos detectados en localidades próximas de Zamora e Asturias.
Unións Agrarias apela á responsabilidade e insta a Consellería e Ministerio a actuar con premura e non deixar pasar un minuto máis sen porse a traballar para que as explotacións poidan contar cos apoios necesarios para dar resposta a esta alerta sanitaria. Nese senso, a organización reclama axudas para o tratamento, así como a indemnización dos animais mortos a causa da EHE.
Cos prezos das forraxes polas nubes a causa da escaseza provocada pola seca e os combustibles disparados, as explotacións atravesan un momento delicado; máis grave aínda a causa das rebaixas impostas polas industrias no prezo do leite e o estancamento detectado no mercado da carne. Así as cousas, a organización agrogandeira apela á sensibilidade da administración autonómica e pídelle que actúe coa axilidade e a anticipación necesarias para que as ganderías poidan dispoñer do apoio necesario dende o momento mesmo no que se produza un contaxio, e non teñan que verse na obriga de sumar á súa conta de gastos os derivados desta doenza.
Unións Agrarias incide tamen na necesidade de incluír o risco sanitario para o gando doméstico como un factor determinante á hora de calcular as densidades de fauna cinexética nos ecosistemas e os cupos de caza; e incide no papel fundamental desta actividade como un elemento fundamental de xestión para o mantemento e a preservación da sanidade animal.
As explotacións de vacún en extensivo son as que ata o de agora están a sufrir as consecuencias dunha doenza que tamén infecta a ovellas e cabras aínda que, no caso do gando ovino e cabrún, cursa sen manifestacións clínicas.
A día de hoxe o control da transmisión e, por ende, as medidas cinexéticas, son a única medida preventiva posible para o control dunha doenza para a que non existe vacina, e que cursa con febre, debilidade, perda de apetito e do instinto de fuxida, abortos ou mortandade de animais recén nados.