Santiago, 22 de setembro de 2023.- 5 millóns de euros. É a contía que as explotacións galegas deixarán de percibir debido ao déficit de información e aos problemas rexistrados na tramitación deste primeiro período de aplicación dos eco-reximes da PAC. Son as contas que realiza Unións Agrarias, que considera que case un 20% da superficie agraria que podía terse beneficiado destes fondos non o fará polas dificultades rexistradas ao non ter contado con servizos de asesoramento especializados á hora de realizar unha tramitación que, cos novos requerimentos, se ten volto significativamente máis complicada. Unha situación que, de repetirse, suporía un total de 25 millóns de euros perdidos para Galicia no período 2023-2027 da Política Agraria Común.
Segundo os datos que ven de facer públicos o Ministerio de Agricultura, en Galicia só o 62% da superficie agraria que se acolle á PAC estará amparada polos eco-reximes. Unha porcentaxe que no conxunto do estado ten sido moi superior; e que, segundo os datos de Unións Agrarias, tamén na nosa Comunidade debera ter roldado o 80%.
O 85,4% dos perceptores que realizaron a tramitación da PAC a través de Unións Agrarias acolléronse aos eco-reximes: en concreto 4.560 agricultores e gandeiros que neste primeiro ano de aplicación dos eco-reximes implementarán estas prácticas nun total de 84.174,18 hectáreas. Unha cifra significativamente máis elevada que a rexistrada no conxunto de Galicia que evidencia os problemas á hora de enfrontar ese trámite cos que se atoparon outros agricultores e gandeiros que non contaron cun asesoramento técnico especializado axeitado.
Os datos por provincias
No caso da provincia de Ourense a porcentaxe de superficie agraria das PAC tramitadas por Unións que se acolleu aos eco-reximes elevouse ata o 91%, con un total de 19.669,02 hectáreas e 777 gandeiros que, de xeito maioritario, puideron beneficiarse do eco-rexime para pastoreo extensivo.
Lugo foi a segunda provincia cunha maior porcentaxe de superficie agraria acollida neste ano aos eco-reximes: o 84%, 36.237,20 hectáreas e 1.818 perceptores aos que Unións Agrarias realizou a tramitación e que, neste caso, se beneficiaron tanto do eco-rexime para pastoreo extensivo como do destinado a rotación de cultivos.
No caso de Pontevedra foron 622 agricultores e gandeiros aos que Unións Agrarias tramitou a PAC os que se acolleron a eco-reximes e que, igual que no caso de Lugo, optaron por combinar as prácticas de pastoreo e rotación de cultivos nun total de 10.915,20 hectáreas, o 81% da superficie agraria declarada.
Na Coruña 1.343 solicitantes de PACs tramitadas por Unións beneficiáronse do eco-rexime para rotación de cultivos en 17.352,77 hectáreas, un 69% da superficie agraria declarada nesa provincia.
Pastoreo extensivo e rotación de cultivos: os eco-reximes maioritarios en Galicia
Unión Agrarias lamenta que a falla de apoio técnico e asesoramento especializado teña levado ás explotacións agrogandeiras galegas a unha situación que supón unha importante oportunidade perdida e que terá graves consecuencias económicas para o sector produtor. A organización agrogandeira destaca a escasa implementación que, neste primeiro ano do novo período PAC, tivo o eco-rexime de sega sostible, especificamente creado para a cornixa cantábrica. Pola contra, os agricultores e gandeiros que realizaron a súa tramitación a través desta organización agrogandeira non tiveron problemas para beneficiarse tanto dos fondos vinculados á práctica do pastoreo extensivo como dos destinados ao eco-rexime para rotación de cultivos.