Unións Agrarias xa ten listo o informe que remitirá á Comisión Europea para solicitar unha xestión do lobo eficaz, responsable e apegada á realidade das comunidades que conviven con esta especie. A organización ten dado forma a un documento que reflexiona sobre a realidade da Comunidade galega e que agarda sirva de punto de partida para o inicio dunha nova etapa na que se teñan en conta as necesidades da poboación rural e da actividade agrogandeira nas zonas de convivencia con esta especie protexida.
Garantir a seguridade da poboación en áreas e lugares concretos nos que poida existir unha ameaza real para a cidadanía e aportar ferramentas que permitan ás explotacións gandeiras enfrontar con axilidade e de maneira suficiente os danos causados polo lobo son os dous eixos sobre os que pivota o plantexamento de Unións Agrarias. Lonxe de avogar pola desprotección ou polo emprego indiscriminado da caza, a organización fai un chamamento á cordura para que as administracións habiliten ferramentas útiles que permitan atender con eficacia os casos puntuais nos que o risco potencial polo excesivo achegamento do lobo a zonas poboadas poidan facelo preciso. Nese senso, lembra que as administracións contan co apoio e os coñecementos de técnicos especializados que dispoñen dos datos precisos para valorar e deseñar intervencións de xeito axeitado e sempre con criterio científico. Porén, entende que non é de rigor seguir pasando por alto a realidade de zonas como Galicia, onde a interacción entre esta especie protexida, a poboación rural e a actividade agrogandeira é diaria.
Unións Agrarias lembra que, a caza nunha foi a ferramenta de xestión do lobo en Galicia, onde hai dez anos que non se abate un exemplar desta especie. Pola contra, destaca que esa xestión pivotou sempre sobre o eixo das axudas para pago de danos e implementación de medidas preventivas e de protección e avoga porque siga sendo así.
A organización agrogandeira afea a utilización partidista e política realizada no último ano pola Xunta de Galicia no que respecta ao Plan do Lobo, que fixo que a nosa Comunidade perdese 4,3 millóns de euros que servirían para pór en marcha medidas de prevención e pago de danos ás explotacións.
Os apenas 650.000 euros que a Consellería pon anualmente para indemnización de animais mortos cubren apenas o 32% dos danos xerados polo lobo. Nese senso, Unións Agrarias lembra que “quen está a asumir o custo de manter esta especie son os gandeiros e agricultores”, polo que insta á Consellería a empregar o rigor e a comezar xestionar con eficacia e responsabilidade.
A organización lembra que, de ter asinado o Plan de xestión do lobo, Galicia contaría con fondos suficientes para cubrir o 100% das indemnizacións por danos rexistradas grazas aos 1,9 millóns de euros de fondos estatais que lle correspondían para esta fin. Así como con 2,4 millóns de euros adicionais para implementar medidas de prevención de ataques nas explotacións gandeiras.
Unións Agrarias insta a deixar de lado disputas partidistas e debates sesgados e a comezar a xestionar tendo en conta as necesidades e a realidade do rural. Nese senso, a organización fai un chamamento para que se actualicen as contías que a administración está a pagar por animal morto, totalmente desfasadas, e para que comece a terse en conta o lucro cesante.
Unións demanda que as indemnizacións cubran o 100% do dano económico que a perda dun animal provoca na explotación, pero tamén que sexan áxiles. Así, lembra que hoxe en día un gandeiro afectado por un ataque de lobo tarda como mínimio 9 meses en cobrar. Unha casuística que é necesario mudar, ao igual que as excesivas e a miúdo imposibles de cumprir esixencias burocráticas que ata hoxe é necesario enfrontar para acceder a axuda, e que fan que unha alta porcentaxe das explotacións afectadas por ataques non dean parte. Nese senso, a organización calcula que as reses que o lobo mata cada ano en Galicia roldan as 3.000, cando os partes quedan no entorno das 2.300.
Así as cousas, Unións Agraias avoga por unha convivencia pacífica e por unha reflexión colectiva que consiga que, entre todos, xestionemos a presenza do lobo de maneira eficaz, realista, segura e xusta. “Necesitamos que dunha vez por todas se deixe de criminazar a quen sofre esta situación e que se comece a xestionar con eficacia e responsabilidade”.
A organización apunta tamén o caso concreto da gandería equina que, polas súas características, fai imposible a aplicación de medidas de prevención como valados ou emprego de cans para vixilancia e pastoreo que se empregan nas explotacións gandeiras tradicionais. Unha actividade tradicional en risco de desaparición pola acción do lobo que precisa da aplicación de medidas específicas.