Santiago, 4 de outubro de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso adiante e a tomar parte na loita que os Concellos da Costa da Morte están a librar contra a praga que afecta ás pradarías da zona. A organización fai un chamamento para que a Consellería de Medio Ambiente se involucre e tome o mando dunha intervención clara e coordinada que poña freo á expansión dun verme que se estende de maneira grave por 7 municipios e que supón unha seria ameaza para a actividade gandeira da zona.
Zas, Cabana de Bergantiños, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Ponteceso e Coristanco atópanse a día de hoxe desbordados ante o avance desbocado da praga do Mythimna unipuncta, máis coñecido como verme cortador; un lepidóptero que ataca ao millo e ás pradarías e que está a deixar sen fonte de alimento ás gandarías da zona.
Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia se involucre e preste aos gobernos locais, desbordados e a día de hoxe carentes dun protocolo de actuación claro, o apoio que precisan. A organización considera imprescindible que a Consellería de Medio Ambiente cumpra coas súas funcións e coordine unha actuación que permita poñer freo a unha praga que prolifera de xeito descontrolado e que, de continuar, suporá un serio problema para as rendas das explotacións gandeiras.
A organización lembra que o descoñecemento e a falla de directrices claras aportadas por expertos e técnicos medioambientais podería implicar serias consecuencias, tanto para o medioambiente como para a rendabilidade e o futuro da produción. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento á responsabilidade e insta á Consellería a actuar canto antes; tanto para frear a expansión da praga como para evitar posibles consecuencias ante a aplicación de tratamentos e a adopción de medidas que poderían non ser as axeitadas.
O verme cortador ataca vorazmente ás pradarías, deixando sen fonte de alimento ás explotacións gandeiras da zona. Un problema que chega nun momento especialmente delicado para o sector produtor, cos prezos da forraxe e dos pensos polas nubes a causa da escaseza provocada pola seca e as consecuencias da invasión de Ucraína que aínda seguen a notarse no mercado do cereal.