Viana, 4 de outubro de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e a porse do lado do sector produtor de castaña para garantir o futuro desta actividade. A organización faise eco da alerta que se estende entre os produtores ourensáns, alarmados pola elevada porcentaxe de froito que está a botarse a perder e que xa permite augurar unha importante caída da produción nesta campaña.
A mudanza climática e as temperaturas, inusuais para esta época do ano, semellan ser a causa que está a facer que, en pleno mes de outubro, os castiñeiros da comarca de Viana estean a perder a folla e, con ela, os ourizos, que se desprenden antes de tempo. É a realidade da que dan parte os produtores de castaña da zona, alarmados ante o resultado dunha campaña que xa prevén desastrosa.
Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia se involucre na procura de solucións que permitan mitigar os efectos da mudanza climática sobre unha actividade complementaria, pero esencial para a economía dos municipios da montaña ourensá, e tamén lucense.
A produción de castaña representa unha inxección imprescindible para as rendas de moitas familias e supón unha importante achega para a dinamización socioeconómica de áreas con posibilidades e cunha oferta laboral limitadas. Así as cousas, a organización agrogandeira fai un chamamento para que a administración autonómica actúe ante o evidente declive dunha actividade tradicional que precisa de apoios e medios para manterse a flote.