UNIÓNS AGRARIAS INICIA UNHA RECOLLIDA DE SINATURAS PARA VETAR O ACCESO A AXUDAS PÚBLICAS ÁS INDUSTRIAS QUE INCUMPRAN AS SÚAS OBRIGAS CO SECTOR PRODUTOR

Solicita a mediación da Xunta para impulsar un marco de relacións xusto e poñer fin aos abusos

Que ningunha industria sancionada por incumprimento grave ou moi grave da Lei de Cadea Alimentaria nos dous anos anteriores e tampouco ningunha que estea a pagar ás ganderías galegas prezos inferiores aos abonados ás doutras Comunidades poida acceder a axudas públicas da Xunta de Galicia. É o obxectivo que persegue Unións Agrarias, que ven de iniciar unha recollida de sinaturas para apoiar unha reivindicación que a organización agrogandeira xa ten trasladado tamén ao Goberno galego.

No que vai de ano o prezo que as explotacións lácteas galegas perciben polo leite baixou entre 10 e 12 céntimos. Logo das rebaixas de tarifas impostas polas industrias lácteas nas renovacións de contratos de abril e agosto, todo apunta a que estas pretenden continuar coa estratexia de prezos á baixa na próxima renovación. Así, ante a ameaza dunha nova baixada de 3 céntimos, Unións Agrarias dá un paso á fronte para que a sociedade sexa consciente da actitude máis que reprobable das industrias lácteas.

Que as persoas consumidoras coñezan os desmáns perpetrados polas firmas que consumen e que as administracións sancionen con contundencia os incumprimentos e veten o acceso de quen os perpetra a subvencións semella o único xeito de frear os abusos dunhas industrias que unha e outra vez incumpren a Lei de Cadea Alimentaria.

O prezo que unha granxa galega cobra por litro de leite é a día de hoxe 5 céntimos inferior ao que percibe unha explotación asturiana ou de Castela e León: 0,49 fronte a 0,54 €. Unha realidade sen sentido que supón un agravio comparativo para o sector produtor en Galicia, e ante a que Unións Agrarias agarda que a Xunta tome medidas, excluíndo das liñas de apoio público ás firmas que paguen tarifas diferentes aos seus proveedores en función da Comunidade de orixe.

Non existe razón de mercado que xustifique as sucesivas rebaixas dos prezos do leite impostas de xeito unilateral polas industrias que operan en Galicia. Menos aínda logo da revalorización do brick de leite nos puntos de venda ao público, que se ven mantendo estable ao longo do ano. Pola contra, as explotacións vense na obriga de facer equilibrios cuns custos de produción que, pese a ter descendido lixeiramente, seguen moi por enriba dos previos á invasión de Ucraína, con repuntes moi importantes nos últimos meses no caso do gasóleo.

Produtos industriais como a manteiga e o leite en pó teñen incrementado as súas cotizacións nos últimos meses: un 1,3% e un 4,8%, respectivamente, na última subasta de Fonterra (Global Dairy Trade), recoñecida como referencia a nivel mundial. Na mesma liña, tamén o leite spot, un referente da tendencia do mercado, atópase en claro ascenso de prezo, co último dato publicado fixado nos 52,5 céntimos.

Unións Agrarias confía en que a Xunta de Galicia teña en conta a súa petición e se poña á fronte dunha reflexión colectiva que se traduza nunhas relacións xustas, e acordes ao marco legal vixente, entre sector produtor e industrias. A organización agrogandeira agarda que a Consellería do Medio Rural recolla a luva e, tal e como lle ten solicitado Unións, convoque coa máxima urxencia unha xuntanza con todas as partes implicadas que consiga poñer fin aos incumprimentos e garanta a supervivencia e o futuro do sector produtor galego, que ano a ano perde explotacións.

Unións Agrarias avoga por procurar fórmulas de indexación que permitan unha formación de prezos xusta e acorde á realidade, tanto do mercado como da evolución dos custos de produción das explotacións. Nese senso, fai un chamamento para que impere a cordura e o sentido común e para que a administración autonómica lidere as conversas que permitan poñer fin aos abusos e facer da negociación colectiva e do respecto pola legalidade vixente o marco normal de relación entre produtores e industrias.

A día de hoxe son 5.792 as granxas de vacún de leite que resisten en Galicia. Hai tres anos a nosa Comunidade superaba as 7.000.

CONSULTA MÁIS DATOS NESTE INFORME DE EVOLUCIÓN ANUAL DO SECTOR LÁCTEO

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias