Santiago, 17 de outubro de 2023.- A organización Unións Agrarias ven de remitir á Consellería do Medio Rural un informe no que alerta da situación crítica que padecen os soutos de produción de castañas en Galicia. No escrito déixase constancia do encadeamento de 6 anos de colleitas catastróficas motivadas por distintos factores, (a seca no pasado ano 2022, a antracnosis do castiñeiro no 2021, o impacto da avispilla Dryocosmus no 2020, 2019 e 2018, e seca e xeadas no 2017).
Ante esta situación é preciso que a Administración dea un paso á fronte e poña en marcha medidas para que a castaña siga a ser un importante recurso no interior e na montaña, e que Galicia continúe a ter unha posición líder na eurorexión no que a produción deste froito se refire. Hai que lembrar que nun ano produtivo normal a nosa Comunidade viña producindo no entorno de 20.000 toneladas de castaña, o que supón unha inxección económica duns 30 millóns de euros de valor para as familias desas zonas do rural.
Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a desenvolver un plan en varias fases que no longo prazo ten que desenvolver novos portaenxertos híbridos que permitan o enxertado seguro do castiñeiro resistentes á enfermidade da tinta, así como seguir coa investigación sobre a propagación vexetativa do castiñeiro. A medio prazo é preciso desenvolver e aplicar novas vacinas para o cancro do castiñeiro adaptadas ás condicións das comarcas produtoras de Galicia e seleccionar variedades de castaña resistentes á seca e ás altas temperaturas, e mesmo dispoñer rega localizada para optimizar as producións e evitar danos de seca recurrentes.
Para UUAA o máis urxente é diagnosticar as razóns da caída da produción do presente ano en cada comarca, chegando a unha certeza científica para saber se o problema se debe a unha patoloxía fúnxica, unha praga, o déficit hídrico no chan, ou unha combinación de distintas causas. Para iso as autoridades de sanidade vexetal deben de aconsellar aos produtores para a toma de medidas inmediatas que poidan reducir o futuro impacto ou a repetición dos problemas na próxima tempada, como a recollida e retirada de follas e ourizos para evitar vectores de transmisión e si fora preciso, habilitar tratamentos preventivos en futuras campañas.
Tamén é necesario incorporar o castiñeiro e as súas patoloxías nas alertas fitosanitarias periódicas, con recomendacións de tratamentos, e dispoñer liñas de axudas que permitan o despregue das medidas fitosanitarias e axudas directas aos produtores para compensar as perdas da presente campaña. A produción de castaña é un recurso fundamental para as comarcas do interior e da montaña de Galicia, tanto nas provincias de Lugo como de Ourense, precisamente as máis afectadas polo despoboamento e o abandono rural, onde complementan as rendas das familias e moitas veces as exiguas pensións dos pensionistas do rural.