Membros de Unións Agrarias trasladáronse esta mañá ata o Centro Comercial As Cancelas para realizar un acto informativo e recoller sinaturas para poñer freo aos abusos que as industrias agroalimentarias perpetran contra o sector produtor galego. A organización apelou á colaboración da cidadanía compostelá para trasladar á Xunta de Galicia a petición de que, tanto as industrias sancionadas por incumprimento grave ou moi grave da Lei de Cadea Alimentaria, como aquelas que paguen aos produtores galegos prezos inferiores aos que aboan aos doutras Comunidades, sexan excluídas das liñas de axudas públicas.
A pesar do que di a lexislación vixente, as industrias agroalimentarias continúan antepoñendo o seu propio beneficio e ignorando os dereitos das gandeiras e gandeiros galegos. Acontece así no que ten que ver coa imposición de prezos sen ter en conta os custos de produción das granxas, pero tamén no relativo á negociación, que é eludida pola maioría das industrias de maneira reiterada, e no que ten que ver coa duración dos contratos ou cos prazos cos que as ofertas de renovación deben ser remitidas aos produtores. Unha situación que se dá tanto no lácteo, que este ano encadea 3 rebaixas de tarifas impostas de maneira unilateral e sen xustificación de mercado; pero que padecen tamén os produtores doutros sectores, como os de carne ou os de mel.
O sector produtor está canso de ver como a súa rendabilidade é posta contra as cordas polas industrias. Pero, máis aínda: de a Xunta de Galicia premie con cartos públicos ás industrias que o fan. É por iso que Unións Agrarias ten iniciado unha recollida de sinaturas que agarda sirva de toque de atención á administración galega.
A organización agrogandeira agarda que a administración galega chame a filas a industrias e distribución para impulsar unhas relacións xustas, igualitarias e acordes á lexislación vixente entre estas e o sector produtor. Unha mediación que Unións quere ver acompañada dun corpo normativo que deixe ben claro, negro sobre branco, que ningunha industria que poña en risco a viabilidade das explotacións galegas poida volver ingresar fondos públicos.
Desde 2017 as industrias recibiron da Xunta de Galicia 72 millóns de euros de axudas pasra comercialización e transformación. Fondos que ingresaron a pesar de que algunhas delas foron sancionadas pola AICA por incumprimentos da Lei de Cadea e abusos contra o sector produtor. Así as cousas, e en vista da resistencia das industrias a comprir coa lexislación vixente, Unións Agrarias ve claro o único xeito de mudar a actitude das mesmas pasa pola súa conta de beneficios; e aí a administración galega ten a capacidade de xogar unha carta importante.
Igual que as administracións vetan o acceso a axudas á cidadanía que non estea ao día de pagos á facenda pública, Unións Agrarias entende que é de xustiza facer o mesmo cunhas industrias que ano tras ano acumulan beneficios a costa de ignorar os dereitos alleos.
No mes de agosto os produtores galegos de leite cobraron de media 5,3 céntimos menos que os asturianos e 5 menos que os de Castela e León. Unha realidade que non se sustenta en ningunha razón de mercado e que unicamente pode verse xustificada pola ansia das industrias de enriquecerse a costa das explotacións da Comunidade que produce máis do 40% do leite do estado.