UUAA INSTA ÁS ADMINISTRACIÓNS A ACELERAR A AXUDA PARA AS EXPLOTACIÓNS AFECTADAS POLA EHE

Tamén reclama apoios para compensar as perdas da praga do verme cortador

Silleda, 25 de outubro de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta e ao Ministerio a coordinarse sen máis demora para dar forma a un protocolo de actuación que permita dar resposta ás explotacións que están a verse afectadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Cos casos que veñen de detectarse na comarca do Deza xa son 8 os focos infecciosos en Galicia, polo que a organización agrogandeira fai un chamamento á responsabilidade e reclama a activación inmediata de axudas que compensen os gastos de tratamento e as perdas que a doenza está a causar ás ganderías en caso de morte. Na mesma liña, a organización volve incidir nos problemas que o verme cortador está a supoñer para o sector produtor e insta á Xunta a impulsar actuacións coordinadas e a compensar as perdas causadas por esta praga, especialmente graves no caso das explotacións que non poden aplicar tratamentos químicos convencionais por percibir axudas agroambientais ou traballar en ecolóxico.

Dende que a finais de setembro se detectou o primeiro caso de EHE en Galicia a doenza segue a estenderse polo territorio galego. Porén, e a pesar das peticións que Unións Agrarias leva realizando mesmo dende antes de que a enfermidade chegase á nosa Comunidade, a día de hoxe as gandeiras e gandeiros galegos seguen sen contar con apoios para enfrontarse a ela.

Unións Agrarias non entende que neste momento, coa doenza expandida xa pola práctica totalidade do territorio estatal e case un ano despois de que se detectara o primeiro caso, non exista aínda un protocolo de actuación a nivel estatal. Unha cuestión que a organización xa trasladou ao Ministerio. Alén diso, para Unións resulta imprescindible que a administración autonómica dea un paso á fronte e poña a disposición das ganderías afectadas medios e fondos para enfrontar o custo do virus.

A EHE está a supor un gasto de entre 2.000 e 3.000 euros para as ganderías afectadas por unha doenza que se ceba especialmente coas vacas en pastoreo, posto que a súa trasmisión de rumiantes silvestres ao gando prodúcese a través dun mosquito.

Os gastos do tratamento da EHE veñen sumarse a uns custos de produción xa moi elevados. Cos prezos das forraxes polas nubes a causa da escaseza provocada pola seca e os combustibles disparados, as explotacións atravesan un momento delicado; máis grave aínda a causa das rebaixas impostas polas industrias no prezo do leite e o estancamento detectado no mercado da carne. Así as cousas, a organización agrogandeira apela á sensibilidade da administración autonómica e pídelle que non deixe pasar un minuto máis para que as non teñan que verse na obriga de sumar á súa conta de gastos os derivados desta doenza.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias