UUAA RECLAMA UNHA REUNIÓN URXENTE CON MEDIO RURAL PARA ENFRONTAR A PROBLEMÁTICA DAS EXPLOTACIÓNS AFECTADAS POLA EHE

Ante o alarmante incremento de casos de animais infectados nas granxas galegas

Santiago, 30 de outubro de 2023.- Unións Agrarias ven de solicitar á Consellería de Medio Rural unha reunión urxente para coñecer as medidas previstas desde o Goberno galego para poñer coto a expansión da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) que de xeito constante está a sumar casos nas granxas das catro provincias de Galicia. A organización agraria logo de coñecer que outras comunidades como o Pais vasco xa concretaron liñas de axudas para as explotación afectadas, insta á Xunta de Galicia a activación inmediata dunha partida económica que cubra o pago dos animais mortos a prezo de mercado, así como os tratamentos dos enfermos e o lucro cesante nas granxas pola caída da produción.

Os gastos do tratamento da EHE veñen sumarse a uns custos de produción xa moi elevados. Cos prezos das forraxes en ascenso a causa da escaseza provocada pola seca e os combustibles disparados, as explotacións atravesan un momento delicado; máis grave aínda a causa das rebaixas impostas polas industrias no prezo do leite e o estancamento detectado no mercado da carne.

Cos últimos casos que veñen de detectarse fai un chamamento á responsabilidade e reclama a activación inmediata de axudas que compensen os gastos de tratamento e as perdas que a doenza está a causar ás ganderías en caso de morte. Na mesma liña, a organización volve incidir nos problemas que o verme cortador está a supoñer para o sector produtor e insta á Xunta a impulsar actuacións coordinadas e a compensar as perdas causadas por esta praga, especialmente graves no caso das explotacións que non poden aplicar tratamentos químicos convencionais por percibir axudas agroambientais ou traballar en ecolóxico.

Dende que a finais de setembro se detectou o primeiro caso de EHE en Galicia a doenza segue a estenderse polo territorio galego. Porén, e a pesar das peticións que Unións Agrarias leva realizando mesmo dende antes de que a enfermidade chegase á nosa Comunidade, a día de hoxe as gandeiras e gandeiros galegos seguen sen contar con apoios para enfrontarse a ela. Unións Agrarias non entende que neste momento, coa doenza expandida xa pola práctica totalidade do territorio estatal e case un ano despois de que se detectara o primeiro caso, non exista aínda un protocolo de actuación a nivel estatal. Unha cuestión que a organización xa trasladou ao Ministerio.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias