Santiago, 1 de novembro de 2023.- Unións Agrarias advirte a empresas como Leite Río e Celta que os gandeiros e gandeiras galegos non van consentir unha nova baixada do prezo do leite en orixe logo de ter sufrido xa unha en marzo e outra en agosto de 2023.
Estas empresas están comunicando unha caída de 2 ou 3 cts/l para os próximos meses, o que de feito suporá o peche de granxas dada a delicada situación financeira na que se atopan pola suba imparable dos custos de produción e a caída dos ingresos.
Desde a organización agraria iniciarase unha campaña de denuncia contra aquelas empresas que teñan tentacións de mellorar a súa conta de resultados a costa da ruína das granxas. Neste sentido chama atención que son precisamente aquelas que máis se envolven na bandeira galega, so como estratexia de marketing, as que tratan de levar á baixa as cotizacións do leite.
Porén UUAA valora moi positivamente que as empresas de recollida e transformación láctea Naturleite e Lactalis comprenderan, logo dunha negociación cos representantes dos gandeiros e gandeiras, que unha nova caída de 3 céntimos no prezo do leite en orixe sería letal para os produtores.
A retirada deste recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña abre o camiño para que outras compañías do sector afonden neste compromiso coas explotacións e axuden a soster o principal motor económico da economía do medio rural galego.
Finalmente desde Unións Agrarias faise un chamamento ás administracións para que actúen de xeito decido contra aquelas compañías que incumpren a Lei de Cadea e forzan aos produtores a vender a perdas. Nese senso, a organización lembra que Xunta e Ministerio teñen instrumentos de sobra para impedir que esta situación siga agrandando a fenda de mais 5 cts/l que separa aos produtores galegos respecto dos do resto do Estado.