Santiago, 7 de novembro de 2023.- Unións Agrarias valora como moi satisfactorios o anuncio realizado pola empresa Leite Río de non aplicar baixadas ao prezo do leite que paga aos gandeiros en Galicia, e agarda que Celta siga ese mesmo camiño. Con esta iniciativa, reclamada desde a organización agraria, a citada empresa súmase a outras como Naturleite e Lactalis, que xa na semana pasada renunciaran a realizar unha nova redución de tarifas logo das acometidas en marzo e en agosto.
Accións como estas supoñen un balón de osíxeno para as explotacións lácteas, dada a delicada situación financeira na que estas se atopan pola suba imparable dos custos de produción e a caída dos ingresos.
A organización agraria mantense alerta contra aquelas empresas de recollida que teñan tentacións de mellorar a súa conta de resultados a costa da ruína das granxas. Porén UUAA valora moi positivamente que Naturleite, Lactalis e agora Río, logo dunha negociación cos representantes dos gandeiros e gandeiras, eviten unha nova caída de 3 céntimos no prezo do leite en orixe que sería letal para os produtores.
A retirada deste recorte nas cotizacións lácteas para esta campaña abre o camiño a que outras compañías do sector, como Celta, afonden neste compromiso coas explotacións e axuden a soster o principal motor económico da economía do medio rural galego.
Finalmente desde Unións Agrarias faise un chamamento para que goberno central e autonómico actúen de xeito decido contra aquelas compañías que incumpren a Lei de Cadea e forzan aos produtores a vender a perdas. A organización agrogandeira lembra que Xunta e Ministerio teñen instrumentos de sobra para impedir que esta situación siga agrandando a fenda de mais 5 cts/l que separa aos produtores galegos respecto dos do resto do Estado, e insta a ambas administracións a facer uso deles.