UNIÓNS AGRARIAS FAI UN CHAMAMENTO PARA QUE INDUSTRIAS E SECTOR PRODUTOR VAIAN DA MAN PARA GARANTIR O FUTURO DO LÁCTEO GALEGO

A organización lembra que a rendabilidade de ambos vai ligada e insta a deixar de lado intereses sesgados e a comezar a pensar no ben común

Santiago, 10 de novembro de 2023.- Unións Agrarias non pretende xestionar nin dirixir a empresa de ninguén, pero tampouco vai permitir que ninguén dirixa nin xestione as ganderías galegas. A organización agrogandeira lamenta o enfado da presidenta do Grupo Lence con motivo da comunicación realizada en relación á evolución dos prezos do leite e a próxima renovación de contratos. Unhas declaracións que, se ben califica de “difamatorias”, “medias verdades e mentiras completas”, a dirixente de Leite Rio sabe ben que se corresponden plenamente coa realidade das explotacións da nosa Comunidade.

Unións Agrarias lembra que a dirección de calquera empresa á forza debe ser compatible coa normativa vixente. Algo que a día de hoxe pasa pola negociación e polo cumprimento estrito da Lei de Cadea Alimentaria. A organización agrogandeira lamenta que, a pesar de que Ulega sexa a día de hoxe a organización de produtores lácteos máis grande e Europa, de xeito maioritario as industrias continúen evitando a negociación colectiva e impulsando contratos de adhesión redactados de acordo aos seus propios intereses e sen ter en conta a evolución dos custos de produción das granxas. Unións Agrarias fai un chamamento para que o conxunto das industrias comecen a tomar nota do marco legal vixente e fagan posible un cambio no modelo de relación que veñen mantendo co sector produtor que, tal e como estipula a normativa vixente, se desenvolva no marco dunha mesa de negociación. Nese senso, a organización lémbralle á presidenta do Grupo Lence a comunicación que lle remitiu o 31 de maio solicitando unha xuntanza para negociar contratos e lamenta non ter recibido contestación ao respecto.

Unións Agrarias non vai entrar en debates absurdos sobre a porcentaxe de galeguidade duns ou doutros, pero tampouco vai tolerar que se lle acuse de mentir cando os datos demostran que nas últimas dúas renovacións de contratos deste ano as ganderías galegas levan padecendo rebaixas nos prezos que cobran polo leite que producen. Os números están aí, e unha organización que, como a nosa, traballa no eido da representación do sector produtor e que conta con máis de 2.600 produtores lácteos asociados, non precisa recorrer a ningunha industria para coñecer os datos reflectidos nos contratos de aprovisionamento.

Por moito malestar que lle xere e por moito que se acuse a esta organización de transmitir “verdades a medias”, na propia carta divulgada pola presidenta do Grupo Lence este recoñece as baixadas acometidas nas últimas renovacións. Baixadas que non deixan de selo polo feito de que a súa empresa supostamente “pague por enriba da media en Galicia”. Nese senso, Unións Agrarias lembra que as medias son traicioneiras e enmascaran unha realidade que premia ás explotacións con maiores volumes de produción pero que supón prezos moi inferiores para aquelas cunha menor capacidade produtiva.

Existen ofertas por escrito que ratifican a intención de Leite Rio e doutras industrias de acometer unha baixada de 3 céntimos na próxima renovación de contratos. Unha tentativa que ten sido correxida logo das presións exercidas nas últimas semanas por Unións Agrarias e despois de que a propia Consellería do Medio Rural, con quen esta organización ven colaborando estreitamente para garantir o cumprimento da Lei de Cadea e preservar os dereitos e a rendabilidade do sector produtor, fixese súas as reclamacións de prezos xustos para as granxas galegas.

Chaman a atención as declaracións da presidenta do Grupo Lence en relación á suposta perda de competitividade da industria láctea que ela atribúe ao feito de que os prezos en orixe en España son máis altos que no conxunto de Europa. Unhas manifestacións que non se corresponden coa conta de resultados feita pública por unha empresa que o ano pasado, de acordo cos datos trasladados aos medios de comunicación, duplicou o seu beneficio bruto.

Unións Agrarias lembra que, mentres que o prezo que as industrias pagan aos gandeiros se reduciu arredor de 10 céntimos entre xaneiro e agosto deste ano, non aconteceu así co PVP do leite, que continúa inalterable. A organización volve incidir na satisfacción que produce comprobar que, a pesar dos desencontros pasados, a día de hoxe as industrias lácteas semellan estar a correxir antigos vicios e apostan por garantir a rendabilidade do sector produtor que as sustenta mantendo os prezos en orixe.

A organización agrogandeira confía en que, como ven facendo, o Grupo Lence e as demais industrias que operan na nosa Comunidade continúen “creando emprego e riqueza en Galicia”. Algo que non será posible sen un cambio nas relacións destas co sector produtor e se non se garante o cumprimento estrito da Lei de Cadea Alimentaria.

Unións Agrarias volve lembrar que para que en Galicia existan industrias que recollan e comercialicen leite é imprescindible que existan tamén gandeiras e gandeiros que produzan ese leite. Algo que non será posible se esas industrias seguen poñendo contra as cordas a rendabilidade do sector produtor e forzando prezos á baixa en orixe.

Nese senso, a organización agrogandeira volve celebrar un recente cambio de tendencia que agarda se manteña no tempo; e que resulta imprescindible para garantir a rendabilidade e o futuro non só das explotacións galegas, senón do conxunto da cadea láctea.  

Unións Agrarias lembra que a evolución dos prezos non pode depender de ningún empresario, senón que debe ir ligada á evolución do mercado e dos custos de produción. E reafirma o seu papel na representación e defensa dos intereses e da viabilidade do sector produtor, que non pode depender da conta de resultados de ningunha industria.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias