Santiago, 23 de novembro de 2023.- Unións Agrarias reclama a paralización da taxa encuberta que a asociación de fabricantes de plásticos agrícolas pretende impoñer ao sector produtor. A organización considera intolerable que de xeito unilateral, e sen ter en conta a xa delicada situación que atravesan agricultores e gandeiros a causa do encarecemento que afecta á totalidade dos insumos, o MAPLA pretenda gravar pola porta de atrás a xestión dos plásticos: un procedemento ata o de agora gratuíto.
215 euros por tonelada de plástico no caso de explotacións gandeiras e 400 para as agrícolas. É a suba que o colectivo que agrupa aos fabricantes de plásticos agrícolas españois quere facer efectiva, e que suporía un aumento do 20% do gasto que as explotacións agrogandeiras destinan a este input.
Unións Agrarias considera intolerable que pola porta de atrás e sen negociación, comunicación nin consenso previos os fabricantes de plásticos pretendan impoñer unha suba que supón multiplicar por 4 o actual custo do transporte dos plásticos empregados polas explotacións gandeiras, e por 6 no caso das agrícolas. Unha información Unións confirmaba logo da xuntanza que a organización solicitou á empresa Tyrma, que realiza a reciclaxe dos plásticos en Galicia.
Ata o de agora a recollida dos plásticos de uso agrícola viña realizándose de xeito conveniado cos Concellos, que asumían o custo dun servizo gratuíto para agricultores e gandeiros.
Unións Agrarias considera intolerable que os fabricantes pretendan agora facer negocio coa reciclaxe, e que pretendan facelo a costa de agricultores e gandeiros. Nese senso, fai un chamamento para que a Consellería do Medio Ambiente dea un paso adiante e interceda para frear a mercantilización dun servizo cuxo custo non pode asumir o sector produtor. Menos aínda no momento actual, e tras as fortes subas de custos que as explotacións xa veñen soportando.