UUAA INSTA Á CONSELLERÍA A APORTAR FONDOS SUFICIENTES PARA CUMPRIR COS OBXECTIVOS PROMOCIONAIS ANUAIS MARCADOS NA ESTRATEXIA DE DINAMIZACIÓN DO SECTOR CÁRNICO

Lamenta a caída do esforzo promocional de Ternera Gallega e aposta por medidas que aporten seguridade ao sector produtor

Santiago, 15 de novembro de 2023.- Unións Agrarias insta á Consellería do Medio Rural a aportar fondos suficientes para cumprir cos obxectivos de promoción e apertura de novos mercados definidos na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico. En vista do acusadísimo descenso do orzamento do Consello Regulador para promoción dispoñible para o próximo ano, a organización fai un chamamento para que a administración autonómica dea un paso adiante e cumpra cos obxectivos e a folla de ruta marcada pola propia Xunta de Galicia.

Traballar na apertura de novos mercados para a carne de vacún alen das fronteiras galegas é un dos obxectivos principais que a propia Consellería do Medio Rural puña sobre a mesa na presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia 2022-2030. Un documento que establecía un investimento anual mínimo de 800.000 euros en accións promocionais encamiñadas a esa fin. Porén, os fondos dos que o Consello Regulador disporá en 2024 para este capítulo acadan unicamente os 500.000€. Unha importantísima redución que lastra as posibilidades de actuación e que supón un freo ao indispensable esforzo que o sector produtor precisa neste eido.

Unións Agrarias lembra que o 85% dos fondos dos que dispón o Consello Regulador de Ternera Gallega son aportados polo propio sector, polo que insta á Consellería a dar un paso adiante para complementar esa partida e poder cumprir cos obxectivos establecidos por ela mesma.

A organización tamén aproveitou o pleno do Consello Regulador da IXP celebrado este xoves para demandar a posta en marcha de medidas que aporten transparencia e garantías á relación entre produtores de carne  e industrias. Nese senso, Unións Agrarias avoga por definir un faenado tipo das canais e porque o Consello Regulador certifique os pesos dos animais antes da súa entrega á industria.

Na mesma liña, Unións Agrarias defendeu tamén a súa proposta para que desde o Consello Regulador se controle a calidade nutritiva dos pensos. Unha medida que permitirá tamén avanzar cara a unha produción máis homoxénea e, por ende, mellorar a percepción das carnes de Ternera Gallega por parte das persoas consumidoras.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias