Santiago, 21 de decembro de 2023.- Unións Agrarias lembra ás adegas a súa obriga de abonar sen máis demora o 100% da uva recollida na última vendima. Este mércores cumpríronse 30 días dende a data de validación da colleita realizada polos Consellos Reguladores das DOs galegas. Un prazo co que vence o tempo máximo que a Lei de Cadea Alimentaria marca para efectuar ese pago.
A día de hoxe as adegas galegas deberan ter abonado aos produtores a totalidade da uva entregada nesta campaña. Así o estipula a Lei de Cadea, que fixa un prazo máximo de 30 días dende a validación da colleita por parte dos Consellos Reguladores para efectuar ese pago.
Unións Agrarias fai un chamamento á responsabilidade e insta a aquelas adegas que puideran ter incorrido nalgún atraso a cumprir sen demora coas súas obrigas.
As cinco DOs galegas recolleron nesta vendima un toal de 75,4 millóns de quilos de uva. Destaca a alza nas cotizacións do godello, que superou os 2 €/quilo. O albariño situouse nunha media de 2,80 €, o ribeiro mantívose no entorno do 1,80 para as variedades preferentes e o mencía no 1,20. Cabe sinalar, porén, a baixada na demanda de variedades tintas detectada tanto en Monterrei como en Valdeorras e na Ribeira Sacra. Unha situación especialmente problemática para esta última DO, centrada nesta produción.
A redución da demanda de tinto é unha tendencia detectada a nivel estatal. Un problema de mercado ante o que é preciso manterse alerta e comezar a traballar para buscar solucións e posibles alternativas que, en vindeiras campañas, permitan dar saída á totalidade da uva producida nas denominacións de orixe galegas.