Unións Agrarias creará unha agrupación de gandeiros afectados e impulsará unha acción conxunta para solicitar que a Xunta de Galicia apoie de maneira equitativa ao conxunto do sector produtor de tenreiga galega. A organización considera inaceptable o agravio comparativo establecido polo mal deseño da última convocatoria de axudas para produtores de Ternera Gallega. Unha liña de apoios que chegará unicamente ao 78% dos becerros identificados dentro da IXP e que deixa fóra a unha gran parte do sector. Así as cousas, a organización fai un chamamento para que a administración corrixa o agravio comparativo establecido e anuncia que estudará a interposición dun contencioso administrativo para reivindicar o dereito da totalidade das ganderías a contar co apoio da administración pública.
Ao igual que as explotacións inscritas en Ternera Gallega tamén as que traballan á marxe da IXP sofren a suba de custos e os baixos prezos. Porén, estas non recibirán nin un só euro da liña de axudas recentemente convocada pola Consellería do Medio Rural. Pero non só, xa que debido ao mal deseño das mesmas tamén un bo número dos becerros inscritos dentro da Indicación Xeográfica Protexida non poderá acceder a estas achegas por non ter sido certificados en tempo e forma.
Dos 135.000 becerros que nacen anualmente en Galicia só se beneficiarán desta axuda 55.000; o que quere dicir que o 65% dos animais que nacen cada ano no noso país non estarán compensados de ningún xeito. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para compensar de maneira equitativa á totalidade das ganderías galegas; pois todas elas sofren e se ven afectadas coa mesma intensidade e rigor pola suba de custos de produción e os baixos prezos. E, de non facelo, xa adianta a posible interposición dun contencioso administrativo para defender o dereito de todas as ganderías galegas a contar con idéntico apoio público.
Unións Agrariarias realizou este anuncio nunha rolda de prensa celebrada este xoves na Coriuña, onde os representantes da organización explicaron que das 2.000 explotacións de vacún de carne existesntes nesa provincia 1.200 quedarán fóra desta convocatoria.
A organización tamén incidiu na necesidade de que a Consellería cumpra co compromiso adquirido no Consello Agrario e, tal e como xa fixeron outras Comunidades Autónomas, active sen demora as axudas para as ganderías afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Alén diso, volveu lembrar o problema de prezos que lastra a rendabilidade do sector e instou á Consellería do Medio Rural a poñer en marcha mecanismos que garantan o cumpriento da Lei de Cadea Alimentaria, como a AICA Galega e o Observatorio Público de Custos.
A falla de que a Xunta de Galicia poña en marcha o Observatorio de Custos oficial comprometido, os datos dispoñibles reflicten un desfase de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e o prezo que as explotacións están a percibir por el. Así o indican tanto un estudo elaborado en Euskadi, que cifra o custo de produción da carne de vacún en 7,17 €/quilo; como o realizado pola Fundación Juana de Vega en Galicia, que eleva esa cifra ata os 7,66 €.
Estamos ante un sector cun problema estrutural endémico e ante un incumprimento xeralizado da Lei de Cadea que lastra o futuro do sector produtor de carne de vacún en Galicia e que non podemos seguir tolerando. A pesar da suba de prezos que se rexistrou dende a sinatura do acordo pola revalorización acadado entre todos os axentes implicados na cadea de valor da carne e amparado pola Xunta de Galicia, a revalorización das producións que saen das explotacións galegas aínda non ten acadado o mínimo suficiente para garantir a rendabilidade das mesmas.
Entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023 o prezo que as explotacións galegas cobran pola carne que producen pasou dos 5,05 aos 6,12 €/quilo canal. Unha suba considerable que supón un aumento do prezo de arredor de 220 euros/becerro, pero insuficiente para cubrir o encarecemento xeralizado de insumos como os pensos, os carburantes ou os derivados dos plásticos.
Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e cumpra cos compromisos adquiridos no que a acción promocional para apertura de novos mercados se refire. A organización lembra que ese era un dos obxectivos principais que a propia Consellería do Medio Rural puña sobre a mesa na presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia 2022-2030. Un documento que establecía un investimento anual mínimo de 800.000 euros en accións promocionais encamiñadas a esa fin. Porén, os fondos dos que o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega disporá en 2024 para este capítulo acadan unicamente os 200.000€. Unha importantísima redución que lastra as posibilidades de actuación e que supón un freo ao indispensable esforzo que o sector produtor precisa neste eido.
A organización considera imposible acadar a necesaria rendabilidade do sector produtor de carne de vacún galego mediante unha suba do PVP dentro do mercado galego. Nese senso, Unións Agrarias é sensible co encarecemento da cesta da compra que as persoas consumidoras veñen sufrindo e considera imposible garantir o futuro do sector por esa vía. Así as cousas, incide na imperiosa necesidade de poñerse a traballar sen máis demora na procura de novos mercados para a carne galega.