UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A COMPENSAR A SUBA DE CUSTOS A TODO O SECTOR PRODUTOR DE VACÚN DE CARNE

A organización celebra a concesión de axudas, pero denuncia un orzamento insuficiente e uns criterios que deixan fóra ao 35% dos becerros criados na IXP e ao 65% do sector
< title="UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A COMPENSAR A SUBA DE CUSTOS A TODO O SECTOR DE VACÚN DE CARNE" width="800" height="450" src="https://www.youtube.com/embed/owDNI27lwDc?feature=oembed" frameborder="0" allow="accelerometer; autoplay; clipboard-write; encrypted-media; gyroscope; picture-in-picture; web-share" referrerpolicy="strict-origin-when-cross-origin" allowfullscreen>

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para compensar a suba de custos de produción en todo o sector produtor de vacún de carne. A organización celebra que a Consellería teña habilitado fondos para apoiar as producións amparadas na IXP e, máis concretamente, a Tenreira Galega Suprema. Pero lamenta os criterios escollidos, que deixan fóra non só ás explotacións que traballan á marxe da Indicación Xeográfica Protexida, senón tamén ao 35% dos becerros criados dentro dela; e insta á admnistración a compensar esa inxustiza.

«Unións Agrarias está completamente de acordo en que se repartan estas axudas. Fan falla e son benvidas para o sector e para produción de carne de calidade. Pero estamos en desacordo cos criterios de reparto, porque nos parecen inxustos; así como coa súa contía, insuficiente para cubrir as necesidades do sector». Así o explicaba hoxe a organización nunha rolda de prensa celebrada en Ourense, na que Unións Agrarias quixo aclarar posibles malentendidos respecto á súa postura.

Ternera Gallega Suprema certifica 55.000 becerros, pero inscribe 80.000, o que deixa ao 35% da produción amparada na IXP fóra desta liña de axudas, penalizando ás explotacións que apostan pola recría e, en definitiva, por tentar medrar e polo futuro do sector. «Poñemos en cuestión e entendemos que non é xusto o sistema de reparto escollido, ese é o único problema que lle vemos a estas axudas. E aqueles que din defender tanto a IXP deberan explicar como é posible aplaudir que se deixe fóra a todos eses gandeiros e gandeiras».

Unións Agrarias incide na necesidade de que, á marxe de apoios puntuais que chegan dous meses antes dunhas eleccións, a Xunta de Galicia aposte de maneira decidida e estable por un sector fundamental dende o punto de vista da xestión do territorio e cunha función medioambiental imprescindible, que debe ser recoñecida e debidamente retribuída. Nese senso, a organización aposta pola inclusión no PEPAC dunha axuda vinculada á función medioambiental e ao benestar animal.

A organización fai un chamamento para que o apoio público chegue á totalidade do sector e insta á Consellería a manter as liortas partidistas e sindicais á marxe da IXP. «Que non se terxiverse nin se manipule o que estamos pedindo. Si ás axudas, pero necesitamos unha partida moi superior para paliar os problemas que afectan ao sector e evitar que sigan desaparecendo explotacións. Porque despois do peche de explotacións ven o abandono e o lume». Así o explica a organización, que lamenta que a Xunta de Galicia tente manipular a súa postura e fale de electoralismo cando foi ela mesma quen publicou unha liña de axudas a menos de dous meses dunhas eleccións.

Unións Agrarias lembra que a suba de custos de produción afecta do mesmo xeito á totalidade das explotacións, e lamenta que a administración dea as costas ao 65% do sector limitando o seu apoio á produción de Ternera Gallega Suprema. Unha carne e un modelo de produción que a organización considera indispensable apoiar, potenciar e poñer en valor, pero que non pode ser a única beneficiaria do apoio público. «Estase a realizar unha discriminación clara, e estudaremos a posibilidade de presentar un contencioso administrativo para compensar ese agravio».