UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA ACTUACIÓNS DA XUNTA PARA ATALLAR A PRAGA DA FLAVESCENCIA DOURADA

A organización tamén pide o apoio da Consellería para buscar saídas para os tintos galegos e evitar o colapso do mercado de uva

Santiago, 10 de xaneiro de 2023.- Unións Agrarias ven de solicitar unha xuntanza ao conselleiro do Medio Rural para abordar e buscar solucións a distintos problemas que están a xerar preocupación no sector vitivinícola: a posible entrada en Galicia da flavescencia dourada, unha das enfermidades fitoplasmáticas máis importantes e prexudiciais para a vide; e a falta de saídas que está a afectar aos tintos galegos, especialmente aos producidos na Ribeira Sacra.

Unións Agrarias faise eco da fonda preocupación existente entre os viticultores galegos debido á proximidade da flavescendia dourada; unha doenza que xa se atopa moi estendida nas vides portuguesas e cuxa proximidade está a causar alarma na nosa Comunidade.

A organización considera necesario abordar a situación con rigor e celeridade e procurar métodos para controlar unha praga que se atopa xa ás portas das DOs galegas, e cuxa propagación podería ter consecuencias nefastas. Nese senso, Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e impulse sen demora un plan de acción que permita implementar as medidas precisas para poñerlle freo ao problema antes de que este se dispare.

Non é este o único problema que ten preocupados aos viticultores galegos, logo dunha vendima marcada polas dificultades para atopar saída á uva producida na Ribeira Sacra. Unións Agrarias advirte de que neste momento as adegas desta DO teñen moito viño acumulado debido á caída de vendas que afecta aos tintos a nivel estatal. Unha situación ante a que a organización ve necesario buscar solucións mediante o deseño e a posta en marcha dun Plan Especial para os tintos galegos. E é que, tal e como destaca Unións Agrarias, se ben a situación é máis evidente na Ribeira Sacra non se trata dun problema específico desta denominación de orixe, polo que a organización ve necesario e urxente abordalo e buscar solucións que eviten chegar á próxima campaña cun excedente acumulado que free a recollida da uva da vindeira vendima.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias