Santiago, 2 de febreiro de 2024.- Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia e Asociación Galega de Cooperativas, pecharon hoxe a unidade de acción para programar un calendario de mobilizacións e unha táboa de reivindicacións conxunta na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. As organizacións entenden que sobran motivos para a mobilización e fan un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse a unhas accións que irán perfilándose nos vindeiros días.
As OPAS entenden que existen motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa; así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, do que a agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe. Aínda así, as organizacións galegas agardarán ás conclusións dos acordos e propostas que o Ministerio de Agricultura adopte tras a xuntanza de hoxe coas organizacións a nivel estatal para pechar a táboa reivindicativa conxunta.
A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos inasumibles para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a flavescencia dourada da vide; son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. Novidades que chegan en paralelo á entrada en vigor da nova PAC e dos novos requerimentos europeos en materia medioambiental. Así, en liña co acordo acadado entre as organizacións profesionais agrarias maioritarias a nivel estatal, as OPAS galegas ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia que ten xerado a entrada en vigor de novas normativas europeas; así como actuar para garantir que os acordos comeciais con países extracomunitarios non poñan en risco a soberanía alimentaria nin supoñan unha competencia desleal para os produtores locais.
A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais. Cuestións que precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control. E é que, se ben é certo que nos últimos meses os prezos en orixe se teñen incrementado, tanto en leite como en carne, esas subas seguen a ir por detrás das experimentadas polos custos de produción que deben enfrontar as explotacións, e que serán aínda maiores sen unha flexibilización e unha adaptación dos novos requerimentos á realidade e ás necesidades do sector.