UNIÓNS AGRARIAS ADVIRTE DA NECESIDADE DE MEDIDAS DE CONTROL CONTINUAS DO XABARÍN NO RIBEIRO

Ourense, 5 de febreiro de 2024 – Unións Agrarias está a receber nas súas oficinas comarcais queixas da súa afiliación na zona do Ribeiro polos avistamentos constantes de xabaríns entre os cultivos e os viñedos. A pesares de estar ainda en tempada de caza, as queixas e a alarma dos productores é notable, especialmente en Carballeda de Avia, Leiro e Beade. Dase a circunstancia que no concello de Beade as zonas de presenza de viñedo e os seus aledaños son terreos sometidos a réximen cinexético común ou zonas libres de caza, aqueles que a vixente Lei 13/2013 de caza de Galicia clasifica como tales cando non están xestionados por ningunha Sociedade de Caza baixo a figura de Terreo Cinexéticamente Ordeado ou TECOR; co cal nesa zona a responsabilidade do control poboacional do xabarín e dos danos que produza en cultivos corresponde á Xunta de Galicia. Así as cousas, a organización insta á administración autonómica a cumprir coa súa función e a impulsar as medidas oportunas para atallar danos.

Os produtores advirten da súa preocupación unha vez que finalice a tempada de caza do xabarín o vindeiro 25 de febreiro, xa que son numerosos os avistamentos de xabarín e os seus efectos nos prados, o que fai augurar a repetición de problemas para o viñedo unha vez que empece a brotación da primaveira, e xá de cara a tempada de maduración da uva.

Por todo elo Unións Agrarias demanda da Consellería de Medio Ambiente a planificación de medidas de control poboacional e de danos nestas zonas libres, de xeito que se poida ir por diante dos máis que previsibles danos que se van repetir no viñedo de non contarse con actuacións que controlen a poboación de xabarín e dean flexibilidade máxima a medidas puntuais de caza e desplazamento das mandas tan pronto como se detecten danos nos cultivos nos próximos meses.

Nas zonas produtoras, a fin de compatibilizar a presenza da fauna cinexética coa actividade agraria, non queda máis remedio que diminuir a súa poboación.

Neste senso Unións Agrarias lembra que a súa proposta de ensaiar o uso de gaiolas para retirar mandas de xabaríns dos cultivos continúa sen desenvolverse dende a Consellería de Medio Ambiente. As gaiolas funcionarían como sistema complementario da caza, especialmente nas zonas onde o exercizo da actividade cinexética non é posible por limitacións legais, como a proximidade ás casas en zonas de cultivos.

A produción de uva en Ourense, ven sendo unha das últimas actividades agrarias que xestionan o territorio na provincia, toda vez que xa non existe apenas produción de leite, e a de carne diminúe ano a ano, así como a actividade forestal, que apenas supón o 5% do conxunto de Galicia. Polo que é fundamental coidar a produción de uva e a rendabilidade destas explotacións de cara ao futuro inmediato para evitar o abandono e axudar así na prevención do lume e protección do territorio.

É preciso que esta situación de tendencia crecente destes danos se aborde dun xeito integral dende a Xunta de Galicia, coordinándose cos TECOR e Sociedades de Caza, para ir por diante deste problema, e non por detrás como está a suceder nestes últimos anos.

Unións  demanda igualmente da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración da guardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren cos TECOR na busca de solucións inmediatas nos casos en que o xabaril e corzo afecten ás explotacións de viñedo, poñendo en risco a súa viabilidade.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias