Santiago, 7 de febreiro de 2024.- Unións Agrarias obtivo hoxe o compromiso da Consellería do Medio Rural de modificar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira. Trátase dunha petición que a organización levaba tempo realizado co obxectivo de facer estas achegas máis sinxelas, accesibles e operativas; e que o secretario técnico dese departamento se comprometeu hoxe a facer efectiva de inmediato.
Ata o de agora non era posible presentar unha solicitude para as axudas de mellora e incorporación mentres a anterior convocatoria non se tivera resolto. Un requerimento que estaba a obstaculizar o acceso de moitos agricultores e gandeiros a unha liña de apoio público fundamental para as explotacións e o tecido socioeconómico do rural no seu conxunto. Porén, as reclamacións realizadas por Unións Agrarias teñen callado na Consellería do Medio Rural que, segundo anunciou no encontro mantido este mércores coa organización agrogandeira, publicará de inmediato a modificación pertinente do DOG.
Con este cambio axilízanse os trámites administrativos co obxectivo de facilitar a xestión aos potenciais beneficiarios dunha liña cuxa actual convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro día 22 de marzo.
As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade.