Santiago, 8 de febreiro de 2024.- Unións Agrarias denuncia a promoción da cadea de distribución Mere, que está a ofertar leite a 0,69 €/litro. Un caso vergoñento de uso deste produto como reclamo que representa un claro e intolerable incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria, pois supón a volta á banalización das producións lácteas galegas que tanto levamos loitando por desterrar.
Unións Agrarias porá en coñecemento do Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais e ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) un incumprimento da lexislación vixente que tamén ten posto en coñecemento do propio conselleiro do Medio Rural. A organización agarda que a oferta sexa retirada de inmediato. E, de non ser así, xa anuncia mobilizacións no supermercado ubicado na cidade de Lugo.
Do mesmo xeito, Unións Agrarias confía en que os organismos con competencias ao respecto actúen con rigor e impoñan a pertinente sanción, que sirva de toque de atención para que as cadeas de distribución non volten a vellos vicios.
Dada a actual situación de mercado e custos, o prezo ofertado por Mere Supermercados supón un ataque e un claro perxuízo para a imaxe e a percepción da calidade do leite galego, pois pode inducir a erro ás persoas consumidoras no que ten que ver co prezo e o valor real deste produto alimenticio. Igualmente, á vista deste PVP resulta difícil comprender de que maneira se pode ter garantido un pago xusto por enriba de custos ao primeiro elo de cadea.
Cabe destacar tamén o feito de que na imaxe desta promoción Mere non está a indicar o prezo real do produto de forma visible, así como tampouco a causa que dá orixe á promoción. Ambos extremos que a Lei da Cadea marca como de obrigado cumprimento.
Unións Agrarias esixe que Xunta de Galicia e Ministerio impoñan o criterio de tolerancia cero contra a venta a perdas; unha práctica que ata non hai moito era habitual por parte das cadeas de distribución, e que non debe ser tolerada. Así, a organización lembra que, alén das declaracións de apoio ao sector, as administracións deben facer o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais devastadoras para a formación dunha cadea de valor xusta para o leite e impoñer sancións exemplares.
Finalmente, a organización fai un chamamento aos consumidores e consumidoras para que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiras e gandeiros e non se deixen seducir por ofertas que impiden o dereito do sector produtor a percibir prezos xustos e cubrir custos de produción. Os afiliados e afiliadas de UUAA manterán unha actitude vixiante nos distintos centros comercias para denunciar publicamente a aqueles que atentan contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.