Santiago, 9 de febreiro de 2024.- As organizacións agrogandeiras de toda a Cornixa Cantábrica sairán á rúa o vindeiro día 20 de febreiro. Así o acordaron hoxe os colectivos maioritarios de Galicia, Asturias e Cantabria nunha xuntanza na que se deu luz verde á organización de mobilizacións coordinadas que se agarda se extenderán dende a fronteira con Portugal á de Francia.
Se ben Euskadi non puido participar na xuntanza organizativa celebrada esta mañá, agárdase que os colectivos deste territorio se sumen ás accións conxuntas na defensa do sector agrogandeiro. Ante a existencia de problemáticas comúns a toda a Cornixa Cantábrica, os convocantes entenden que é necesario e factible que agricultores e gandeiros de toda esta franxa vaian da man na defensa dos seus intereses. Con ese obxectivo o vindeiro martes 13 de febreiro celebrarán unha nova xuntanza para pechar a táboa de reivindicacións conxunta, para a que o documento consensuado en Galicia por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia servirá de base.
As OPAS entenden que existen motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa. As organizacións ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia e o aumento dos custos xerado pola entrada en vigor de novas normativas europeas; así como para garantir que os acordos comeciais con países extracomunitarios non poñan en risco a soberanía alimentaria nin supoñan unha competencia desleal para os produtores locais.
A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais. Cuestións que precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control.