A CORNIXA CANTÁBRICA DÁ O PISTOLETAZO DE SAÍDA ÁS MOBILIZACIÓNS CONXUNTAS POLO FUTURO DO SECTOR PRODUTOR

O día 20 convocan tractoradas e concentracións en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi

As organizacións agrogandeiras maioritarias da Cornixa Cantábrica deron hoxe o pistoletazo de saída cara ás mobilizacións que o vindiero martes día 20 se porán en marcha de xeito coordinado en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. Unións Agrarias-UPA, COAG e Asaja, así como o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Agraria de Galicia teñen consensuado unha táboa de reivindicacións conxunta coa que queren sensibilizar á opinión pública acerca da importancia e do papel de agricultores e gandeiros; así como instar ás distintas administracións a mover  ficha para solucionar os distintos problemas que afectan e lastran a rendabilidade e o futuro do sector produtor.

Partindo da base de que “as mobilizacións non son o obxectivo en si mesmo, senón unha maneira de buscar solucións ás problemáticas comúns que nos afectan”, as organizacións agrogandeiras galegas, asturianas, cántabras e vascas teñen chegado a un acordo para facer da acción coordinada e conxunta o instrumento que permita acadar as solucións que o sector produtor precisa.

As tractoradas e concentracións convocadas para o vindeiro martes 20 en distintos puntos de toda a Cornixa Cantábrica serán o primeiro paso dun calendario de mobilizacións que continuará no caso de que as administracións fagan caso omiso ás peticións de agricultores e gandeiros.

A consecución de prezos xustos e a aplicación da Lei de Cadea Alimentaria é o primeiro obxectivo que as organizacións agrogandeiras queren ver cumprido. Nese senso, tanto Unións Agrarias como os demais colectivos convocantes solicitan que se activen os mecanismos necesarios para que así sexa. “Se ningún elo da cadea pode cobrar por debaixo do que lle custa producir as ferramentas para conseguilo deben poñerse a andar. Non existe negociación real entre produtores e industrias se existe unha posición de forza que permanentemente impón prezos aos produtores. Por iso precisamos mediadores na negociación colectiva, así como observatorios de prezos que aporten datos claros, obxectivos e actualizados sobre o que custa producir”.

As organizacións reivindican tamén a necesidade de que se eliminen os tratados comerciais entre UE e terceiros países que están a permitir a entrada nos mercados comunitarios de alimentos que non cumpren coas esixencias de benestar animal, seguridade ou sanitarias que se esixen aos produtores locais. Nese senso, denuncian a competencia desleal que isto está a supor e o claro perxuízo que a comercialización destes produtos extracomunitarios a prezos máis baixos supón para os agricultores e gandeiros españois.

Conseguir que o sector produtor sexa tido en conta e participe nas negociacións que lle afectan é outro das reivindicacións que as organizacións agrogandeiras poñen enriba da mesa. Así como que se elimine o exceso de burocracia que se ten engadido á actividade agrogandeira. “Non pode ser que  ás explotacións se lles esixan novas obrigas que supoñen un incremento de custos que os produtores non teñen a posiblidade de repercutir no prezo dos seus produtos. Cuestións, por outra banda, que nada aportan en seguridade nen benestar animal e que deben ser eliminadas, como o caderno dixital, o decreto de ordenación de explotacións bovinas ou o veterinatio de explotación.

As organizacións avogan tamén pola revisión do decreto de fertilización de solos agrarios; unha norma deseñada de costas ao sector produtor e á realidade do campo que agricultores e gandeiros non teñen sequera a posibilidade de cumprir, pois a día de hoxe non existe no mercado a maquinaria suficiente para darlle cumprimento.

Entre as revindicacións comúns da Cornixa Cantábrica destaca tamén a petición dunha reforma inmediata da PAC feita para as persoas. “Un clamor de toda a Cornixa e tamén dende outros puntos da xeografía española, que consideran que os eco-reximes non están respondendo ás necesidades do sector”. Así como unha aposta decidida das administracións para frear o despoboamento que afecta ao medio rural, incorporar mocidade á actividade agrogandeira e facer atractivas as zonas rurais. “E para elo precisamos en primeiro lugar prezos xustos, pero tamén servizos. Non podemos esixirlle á mocidade que se incorpore á actividade agrogandeira que sexan heroes, porque a día de hoxe non existen servizos nen calidade de vida garantidas no rural”.

As organizacións solicitan tamén que se manteña a redución do prezo do gasoleo a agricultores e gandeiros, así como que se elimine o lobo do LESPRE e se dea forma a un plan de xestión para esta especie. Neste eido, a Cornixa Cantábrica reivindica un pago áxil e adecuado dos danos causados por esta especie e polo conxunto da fauna salvaxe, que cubra o lucro cesante e o prezo de mercado actual dos animais. “Non pode ser que agricultores e gandeiros sexan os responsables do pago dos danos da fauna salvaxe”, aseveran.

CONSULTA AQUÍ A TÁBOA DE REIVINDICACIÓNS CONXUNTA

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias