Becerreá, 13 de febreiro de 2024.- Unións Agrarias valora como míseras as axudas que están sendo entregadas neste días aos produtores con terras afectadas pola rata toupa. Se na orde da Xunta de Galicia publicada hai un mes se introducía a cantidade de 300 Euros por hectárea afectada, a realidade é que nos pagamentos realizados da mesma a penas se acadan os 93 Euros/Ha.
Desde a organización agraria non se entende este cambio de postura cando o volume de concellos afectados segue a aumentar e polo tanto o número de explotacións que ven como se perde a produción de prados.
Desde UUAA solicitase que se reforce o orzamento das axudas para acadar as cantidades comprometidas, e sobre todo que se faga unha previsión orzamentaria para futuros exercicios, posto que o problema causado polo rata toupa nos prados seguen sen resolverse nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.
Dende que os gandeiros da zona deron a voz de alarma ante os destrozos provocados por esta praga Unións Agrarias está liderando a batalla para que a Xunta de Galicia conceda axudas para paliar os danos e procure solucións que permitan poñerlle couto á praga. Un apoio que agora chega con atraso e falto de orzamento e coa área afectada en continua expansión. Motivo polo cal a organización insta tamén a continuar traballando na procura de solucións que permitan poñerlle couto e frear os danos causados por este roedor.