O vindeiro martes 20 de febreiro o sector agrogandeiro galego sacará os tractores á rúa nun total de 10 localidades. As organizacións con representación no noso territorio presentaron esta mañá as mobilizacións conxuntas que, agardan, supoñan o punto de partida tras o que as distintas administracións comecen a mover ficha e a impulsar as modificacións normativas que o sector produtor galego demanda e precisa. De non ser así, xa adiantan que retomarán as medidas de presión en forma de novas accións reivindicativas.
As 12 da mañá é a hora de referencia na que se agarda que gandeiras e gandeiros, agricultoras e agricultores de toda Galicia se vaian congregando nos once puntos nos que Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia teñen convocadas mobilizacións. Será en Santiago, A Coruña, Ortigueira e Vimianzo; en Lugo, Pedrafita e Ribadeo; en Ourense e A Gudiña; e en Lalín.
Sensibilizar á opinión pública e facer partícipes ás persoas consumidoras dos problemas e da situación que atravesa o sector produtor é un dos obxectivos que se perseguen con estas accións. Pero tamén, e sobre todo, instar ás tres administracións con competencias e responsabilidades a actuar e a adoptar os cambios e medidas que o sector produtor demanda. Así, as tres organizacións convocantes fan un chamamento á participación para dar forma a unha fronte común ampla e unida entorno á defensa dos interesese comúns do sector produtor galego.
Unións Agrarias, SLG e ASAGA teñen claro que impulsar os mecanismos e ferramentas necesarios para rematar cos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria, garantir prezos xustos para os produtos agrogandeiros e rebaixar a carga burocrática que soportan as explotacións é cousa tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio e da Comisión Europea. Así, as tres organizacións tentarán nas vindeiras semanas impulsar negociacións coas distintas administracións para procurar avances nas distintos puntos que están sobre a mesa. Cuestións para as que, alén de boas palabras, esixirán compromisos por escrito e orzamentariamente ben dotados. Doutro xeito, xa adiantan que retomarán as mobilizacións.
Traballar no deseño dunha PAC adaptada á realidade galega; modificar decretos como o de ordenación de explotacións bovinas e o de fertilización de solos e rebaixar a carga burocrática cada vez meirande que está a esixirse ás explotacións a través da implementación de medidas como o caderno dixital é un obxectivo irrenunciable para as organizacións convocantes; que cren que é o momento de que as administracións baixen á terra e teñan en conta o día a día e a realidade de produtoras e produtores antes de poñerse a lexislar.
Se ben as organizacións valoran positivamente o primeiro paso dado onte polo Ministerio de Agricultura, que anunciou unha primeira táboa de medidas destinadas a satisfacer as demandas do sector produtor, tanto Unións Agrarias como Sindicato Labrego Galego e ASAGA coinciden en calificar este paso de totalmente insuficiente. As organizacións lembran que nada ten que ver a realidade do sector produtor do norte coa do sur, a castelá ou a levantina, e esixen modificacións que teñan en conta a realidade e necesidades específicas de Galicia.
Poñer couto á competencia desleal de producións agrogandeiras de países extracomunitarios e estabilizar no tempo a rebaixa ao gasóleo profesional agrícola son cuestións que as organizacións agrogandeiras poñen sobre a mesa. Así como o deseño de políticas efectivas para reverter o despoboamento, garantir o relevo xeracional e dar forma a un medio rural con calidade de vida e servizos de proximidade.
Tamén está sobre a mesa a problemática da fauna salvaxe e os cuantiosos danos económicos que ano tras ano esta provoca á gandería galega. Nese eido, reclaman tanto plans de xestión realistas e efectivos como dotación orzamentaria suficiente para cubrir a totalidade dos danos tendo en conta o prezo de mercado e o lucro cesante provocado.


