UNIÓNS AGRARIAS CELEBRA A RESOLUCIÓN DA AUDIENCIA NACIONAL, QUE RECOÑECE A EXISTENCIA DO CÁRTEL LÁCTEO DENUNCIADO POLA ORGANIZACIÓN

A sentenza supón o respaldo ás máis de 5.000 demandas de afectados que xa aglutinan os servizos xurídicos de Unións

Santiago, 21 de febreiro de 2024.- Unións Agrarias celebra que, tras anos de loita e reivindicacións, a Audiencia Nacional recoñeza a existencia do cártel do leite denunciado por esta organización. A sentenza feita pública hoxe non só confirma o delito cometido polas principais industrias lácteas ao pactar de xeito ilícito prezos á baixa entre 2000 e 2013; senón que respalda as demandas dos máis de 5.000 gandeiros aos que os servizos xurídicos de Unións Agrarias representarán para esixir a devolución dos importes que se lles adebedan pola produción vendida nese período.

Se ben a sentenza da Audiencia Nacional reduce a contía das sancións que inicialmente reclamara a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia supón a confirmación do feito delictivo denunciado por Unións Agrarias. Así, a organización agrogandeira celebra este novo paso no procedemento, tralo que seus os servizos xurídicos se centrarán en impulsar as demandas individuais dos gandeiros afectados polo cártel para determinar a cantidade coa que cada un deles deberá ser indemnizado.

Unións Agrarias fai un chamamento para que os gandeiros afectados polo cártel que aínda non teñan iniciado a súa reclamación se sumen ao procedemento e dean un paso á fronte para reivindicar o que, por dereito, lles pertence. Nese senso, a organización lembra que todos os titulares de explotacións que venderan leite entre os anos 2000 e 2013 poden sumarse á reclamación para que as industrias lles reembolsen o diferencial correspondente entre o que deberan ter cobrado pola produción vendida neses anos e o que realmente percibiron. Unha contía que, como xa recoñecer a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia en 2019 e como agora ratifica a Audiencia Nacional, se viu alterada polos pactos ilícitos de prezos acordados polas industrias durante eses anos.

Se ben as demandas de afectados que Unións Agrarias aglutina neste momento roldan as 5.000, calcúlase que o número de gandeiros afectados pode superar os 49.000, de acordo co número de explotacións que rexistraron vendas de leite nos anos de afectación do cártel. Así as cousas, tras a ratificación do feito delictivo que ven de realizar a Audiencia Nacional, cabe agardar que o número de reclamacións aumente.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias