Máis de medio milleiro de galegas e galegos desprazáronse este luns a Madrid da man de Unións Agrarias para participar na mobilización convocada polas organizacións agrogandeiras a nivel estatal. A organización desprazou ata a capital dez autobuses, que se uniron á multitudinaria marcha que percorreu o centro da capital e na que participaron unas 30.000 persoas.
O rural galego mobilizouse este luns para participar na tractorada e na manifestación convocada con motivo da celebración do Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea. Gandeiras e gandeiros das catro provincias galegas desprazáronse ata a capital para participar na protesta convocada pola Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos UPA, ASAGA E COAG para visibilizar o malestar do sector produtor e instar ás administracións a impulsar cambios normativos que solucionen os problemas do campo.
Logo das tractoradas convocadas a semana pasada en dez puntos da xeografía galega, o sector produtor do país continuou co calendario de mobilizacións sumándose á gran marcha estatal polo futuro do campo na que, ademais das 30.000 persoas a pé 100 tractores realizaron o percorrido entre o Ministerio de Agricultura e a sede da Comisión Europea en España.
Os milleiros de manifestantes chegados de todos os puntos do estado comezaron a congregarse fronte ao Ministerio xa antes das 11 da mañá para despois camiñar polo Paseo do Prado ata a Praza de Neptuno, Cibeles, o Paseo de Recoletos, a Praza de Colón e o Paseo da Castellana onde se ubica a sede europea.














































