Santiago, 28 de febreiro de 2024.- Pouco ambiciosas e totalmente afastadas da realidade do sector produtor galego. É o resumo que Unións Agrarias realiza tanto da proposta de simplificación da PAC remitida polo Ministerio de Agricultura español aos seus homónimos europeos como das realizadas pola propia Comisión. Medidas deseñadas coa vista posta nas zonas máis áridas e de regadío da península que para nada teñen en conta o sentir e as necesidades das explotacións da Cornixa Cantábrica; e que a organización agrogandeira insta a reformular coa máxima urxencia.
As propostas realizadas nas últimas horas tanto polo Ministerio de Agricultura español como pola Comisión Europea para tentar calmar as protestas do campo para nada satisfacen a Unións Agrarias. E é así porque, unha vez máis, as administracións desoen as peticións reais de Galicia e do conxunto da Cornixa Cantábrica. Así as cousas, Unións Agrarias insta ao Ministerio a actuar con responsabilidade e rigor e a atender o decálogo de propostas elaborado polas organizacións agrogandeiras maioritarias de Galicia, Asturias e Cantabria; así como a impulsar cambios nos decretos de ordenación de granxas bovinas, de nutrición de solos agrarios e no que regula as novas obrigas das explotacións en materia de vixilancia e control sanitario.
Unións Agrarias esixe que o Ministerio elimine a figura do veterinario de explotación; unha obriga que suporá un custo engadido e unha maior carga burocrática especialmente perxudicial para as explotacións familiares, e que nada aporta en materia de seguridade alimentaria ou benestar animal.
A organización insta tamén a revisar o Sistema Integral de Xestión das Explotacións bovinas SIGE e a modificalo para simplificar o seu emprego e reducir carga burocrática para as ganderías; así como a flexibilizar a aplicación da nova normativa en materia de aplicación de puríns. En relación a esta última, Unións Agrarias esixe que se teña en conta a realidade das explotacións galegas, para as que os puríns representan un importante recurso.
Entre as peticións que a organización agrogandeira galega dirixe ao Ministerio figura tamén un Plan específico para a contratación de persoal para as explotacións gandeiras que contemple axudas para formación e atractivos que permitan atraer persoal de dentro ou fóra do noso país. Así como a ampliación dos prazos de adaptación ao Decreto de ordenación de granxas bovinas e a eliminación do mesmo de requisitos como o veterinario de explotación ou a esixencia de patios exteriores en establos libres, admitindo a praza fixa en relación a outras medidas que garantan o benestar animal, como a saída para pastoreo, as dimensión de cama ou sistemas de suxeción axeitados.
Alén diso, Unións Agrarias volve reiterar as reivindicacións acordadas na táboa conxunta elaborada polas organizacións agrogandeiras representativas de Galicia, Asturias e Cantabria. E insta ao Ministerio, pero tamén á Xunta de Galicia, a impulsar medidas concretas para acadar os obxectivos nela propostos.
- Precios xustos para os produtos agrogandeiros, para o que se pr opón a eliminación da especulación e a creación de índices de referencia dos costos de produción nos diferentes sectores, incluíndo unha remuneración digna do traballo dos productores e produtoras e mecanismos para facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e acabar con prácticas e marxes abusivas. Creación da figura do mediador na negociación de contratos e posta en marcha de observatorios de prezos dos produtos agrogandeiros.
- Rexeitamento dos tratados de libre comercio, como o do MERCOSUR ou o de Nova Zelanda, que poñan en perigo as producións locais, que deben recibir un trato prioritario por parte das administracións locais fronte ás de terceiros países que comercializan na UE.
- Eliminación da burocratización que nos asfixia: Caderno Dixital, Decreto de Ordenación de explotacións bovinas ou Decreto de Fertilización Sostible de Solos.
- Adaptación dos Eco-Reximes e da PAC á realidade da agricultura e da gandería da Cornixa Cantábrica, con pagos en función das personas activas e non da superficie.
- Evitar o despoboamento da Cornixa mediante o apoio orzamentario para a incorporación de mozos e mozas á actividade agrogandeira, a implementación de servizos de proximidade de calidade para o rural e o apoio á investigación relacionada coa aparición de novas doenzas e pragas que lastran a produtividade do rural, como a EHE ou outros problemas relacionados coa mudanza climática.
- Mantemento da redución do prezo do gasóleo para o sector, así como das condición do gasóleo agrícola profesional.
- Eliminación do lobo do LESPRE e implementación dun plan de xestión e control do censo de poboación por parte de la administración adaptado á realidade das zonas que conviven con esta especie. Así como habilitación de orzamento suficiente para indemnizar a totalidade dos danos provocados pola fauna salvaxe e actualización das contías tendo en conta tanto o prezo real de mercado dos animais mortos como o lucro cesante.